venres, 31 de maio de 2019

Para esta fin de semana recomendamos... Malos tiempos en El Royale

Finais dos anos 70. El Royale é un deteriorado hotel cun escuro pasado, situado literalmente entre a fronteira de California e Nevada. Alí reúnense sete descoñecidos, cada un cun secreto que ocultar. Durante o transcurso dunha fatídica noite, todos terán unha última oportunidade de redención... antes de que todo se vaia ao inferno.



Podes atopala na sala de audiovisuais co rótulo
SUSPENSE MAL novidades



Desfruta do trailer


(fuente: Sensacine)


xoves, 30 de maio de 2019

Esta semana recomendamos en Lugo en la Onda...

Onte na nosa pequena sección sobre libros no programa Lugo en la Onda de Onda Cero recomendamos...


O curioso incidente do can
á media noite
de Mark Haddon
Editorial Rinoceronte


"O curioso incidente do can a medianoite" é unha novela que non se parece a ningunha outra. Eloxiada con entusiasmo por autores consagrados como Oliver Sacks e Ian McEwan, mereceu a aprobación masiva dos lectores en todos os países onde se publicou, ademais de galardóns como o Premio Whitbread e o Premio da Commonwealth ao Mellor Primeiro Libro.

O seu protagonista, Christopher Boone, é un dos máis orixinais que xurdiron no panorama da narrativa internacional nos últimos anos, e está destinado a converterse nun heroe literario universal da talla de Oliver Twist e Holden Caulfield. Aos seus quince anos, Christopher coñece as capitais de todos os países do mundo, pode explicar a teoría da relatividade e recitar os números primos ata o 7.507, pero cústalle relacionarse con outros seres humanos. Gústanlle as listas, os esquemas e a verdade, pero odia o amarelo, o marrón e o contacto físico. Aínda que nunca foi só máis aló da tenda da esquina, a noite que o can dunha veciña aparece atravesado por un horcón, Christopher decide iniciar a procura do culpable. Emulando ao seu admirado Sherlock Holmes ―o modelo de detective obsesionado coa análise dos feitos―, as súas pescudas levarano a cuestionar o sentido común dos adultos que o rodean e a desvelar algúns segredos familiares que poñerán patas para arriba o seu ordenado e seguro mundo.


Escoita aquí o programa
(minuto 01:07:30)



martes, 28 de maio de 2019

Quérote. Eu tampouco, de Cecilia F. Santomé


Poden dúas persoas á deriva salvarse mutuamente? Pode a necesidade de amar e ser amado abondar para sobrevivir cando a burbulla da felicidade estalou en mil anacos? Grace e Frank son dous superviventes de si mesmos nun Londres cheo de focos vitais. Son o tráxico resultado de anos e anos de inseguridades, medos, carencias afectivas e unha busca desesperada de aprobación na ollada allea. Cando os seus presentes chocan e se funden nun único futuro, a súa sorte está botada. Illados de todo e de todos, iniciarán unha fuxida cara adiante que lles procure o que a vida ata entón lles negou: unha verdadeira familia. Pero, ás veces, o destino ten outros plans...



Podes atopalo na biblioteca co rótulo
G-N FER que novidades



luns, 27 de maio de 2019

Gala de maxia "Biblioteca Encantada"



Para todos os públicos


Ata completar aforo 


Venres 31 - 18:00 - Salón de Actos




Un espectáculo a cargo dos participantes no obradoiro do mago David Méndez "Biblioteca encantada"

Achégate connosco ao mundo da MAXIA e o ILUSIONISMO!


 Un espectáculo onde a maxia e a ledicia mezclanse para dar como resultado un fascinante momento máxico



venres, 24 de maio de 2019

Xa temos aos gañadores...


da Fase Local do Certame de Narración e Debuxo Infantil "Letras Galegas 2019"! Aquí están os nomes dos gañadores nas diferentes categorías:

NARRACIÓN


Categoría A (ata 8 anos)
Sergi Castro Anguita (8 anos). Colexio Público Laverde Ruiz
Anxo Pérez Negro (6 anos). Colexio Divina Pastora Salesianos
Andrea Lema Vázquez (7 anos). Colexio Público Rosalía de Castro


Categoría B (de 9 a 11 anos)
Kevin López García (10 anos)
Eva Vázquez Martínez (11 anos). Colexio do Corgo
Adrián Fernández Otero (10 anos)
Accésit
Jimena Gallardo Marote (10 anos)


Categoría C (de 12 a 16 anos)
Lucía Besteiro Morandeira (12 anos). Colexio Illa Verde
Elena Páez Burgo (12 anos). Colexio Illa Verde
Patricia Rodríguez Dafonte (16 anos). IES Lucus Augusti




Categoría A (ata 8 anos)
Anxo Pérez Negro (6 anos). Colexio Divina Pastora
Andrea Lema Vázquez (7 anos) Colexio Rosalía de Castro
Icía Balado Flores (6 anos). Colexio CEIP A Ponte



Categoría B (de 9 a 11 anos)
Irene Valabride Rodil (10 anos). Colexio Illa Verde
Sara López Gil (10 anos). Colexio Illa Verde
Valle Reija Lamela (10 anos). Colexio Illa Verde
Accésit
Enma Pérez Santos (11 anos). Colexio Illa Verde


Categoría C (de 12 a 16 anos)
Alberto Manuel Iglesias González (12 anos). Colexio Fingoi
Sergio España Juárez (12 anos). Colexio Fingoi
Antía Castro González (14 anos). Colexio Fingoi

Accésit
Nicolás Núñez Rojas (12 anos). Colexio Fingoi
María Lama Sánchez (12 anos). Colexio Fingoi


Visita aquí a galería dos debuxos gañadores


A entrega de premios terá lugar o xoves 30 de maio ás 18:00 h. no Salón de Actos da Biblioteca. Os gañadores recibirán cadanseu lote de libros e diploma.

Noraboa a todos os premiados!



Para esta fin de semana recomendamos... Viaje a Nara

Na rexión xaponesa de Nara, Jeanne (Juliette Binoche), unha ensaísta francesa, coñece a Satoshi (Masatoshi Nagase), un misterioso home que vive nas montañas. A pesar da barreira da linguaxe e a cultura, ambos sentirán a necesidade de achegarse o un ao outro.



Podes atopala na sala de audiovisuais co rótulo
DRAMA VIA novidades



Desfruta do trailer


(fuente: Sensacine)


xoves, 23 de maio de 2019

Esta semana recomendamos en Lugo en la Onda...

Onte na nosa pequena sección sobre libros no programa Lugo en la Onda de Onda Cero recomendamos...


Natura
de Iolanda Zúñiga
Editorial Galaxia


Dúas mulleres, nai e filla, emprenden unha fuxida deixando atrás unha terra devastada, unha civilización destruída, un mundo sen auga e sen futuro. Camiñan na procura da salvación, dese lugar chamado Natura onde se constrúe unha civilización forte, xeneticamente invencible, capaz de desafiar a canta catástrofe teña lugar.

Só unha conseguirá entrar en Natura, nesa obra de enxeñería deseñada para a salvación, e pasará a formar parte das Elixidas. Pero cal é o custo? Alí non hai espazo para a intimidade, nin para os recordos, nin para os sentimentos. Escravas da rutina e das instrucións que veñen de arriba, só as poden acatar. Nese cotián narcotizado penden a fe, a esperanza, a ilusión… Son corpos en branco fronte a ordes de homes de gris. Que acontece se esperta o desexo? Ou a consciencia? Ou se algunha delas infrinxe as normas?

Premio Gala do Libro 2019 ao Mellor Libro de Narrativa do ano


Escoita aquí o programa
(minuto 01:06:50)



mércores, 22 de maio de 2019

Mesa de conversa en inglés



Mañá, xoves 23, temos unha nova
Mesa de Conversas en Inglés

Vide compartir un rato agradable mentres practicades o idioma, co apoio de Keyla James, voluntaria cultural.

Esperámosvos ás 19:30
na Sala multiusos da Biblioteca.






martes, 21 de maio de 2019

Sigo aquí, de Maggie O'Farrell

Un parto complícase máis aló do razoable; a unha nena diagnostícanlle unha enfermidade incurable que a ten encamada durante máis dun ano; unha adolescente é agredida por un estraño mentres pasea polo campo; o avión no que unha moza viaxa a Asia precipítase ao baleiro; unha muller sálvase polos pelos de ser atropelada.

Estes son algúns dos episodios –sucedidos en distintos momentos da súa vida e en diversos países– que Maggie O’Farrell recolle neste particularísimo libro autobiográfico. Dezasete roces coa morte, como os chama a súa autora, que puideron terminar en desastre, dezasete momentos clave da súa vida que revelan unha maneira de ser e estar no mundo.

Sigo aquí é un libro sincero que fuxindo do sentimental anima ao lector para interrogarse sobre as cousas que verdadeiramente contan, a reflexionar sobre a fraxilidade da nosa existencia e a celebrar a beleza e o milagre da vida.


Podes atopalo na biblioteca co rótulo
N OFA sig novidades vida cotiá





luns, 20 de maio de 2019

"Meigas e mouras, biosbardos e trasnos" con Marisa Irimia



Nen@s de 4 a 12 anos

Inscripción aberta desde hoxe 

30 prazas

Venres 24 - 18:00 - Ludoteca




Actividade homenaxe a Antón Fraguas, gran intelectual e estudoso do noso folclore, con motivo do Día das Letras Galegas

Espectáculo lúdico, pedagóxico e instrumento de aprendizaxe para os máis pequenos. Historia oral, contos, lendas, cantos e proverbios, corpo da nosa expresión cultural, folclore vivo para conmemorar a este destacado historiador e antropólogo galeguista, escollido pola Real Academia Galega como o persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas 2019.





venres, 17 de maio de 2019

Feliz Día das Letras Galegas!






xoves, 16 de maio de 2019

Esta semana recomendamos en Lugo en la Onda...

Onte na nosa pequena sección sobre libros no programa Lugo en la Onda de Onda Cero recomendamos...


Anatomía da lingua
de Antón Cortizas e Leandro Lamas
Editorial AS-PG


Anatomía da Lingua (Lingua de amar, lingua de amor) fálanos, en 31 poemas saídos "dun impo tan profundo como a noite", da lingua, da nosa lingua. Como obxecto para amar, como obxecto de amor, como palabra de futuro.

Oficios de lingua, paisaxes de lingua, beixos de lingua todo está presente neste poemario magnificamente ilustrado por Leandro Lamas, nunha coidada edición con deseño de Diego Núñez.



Noite de temporal
de Manuel Núñez Singala 
Editorial Oqueleo


A madrugada do 2 de xaneiro de 1921 o vapor correo Santa Isabel, con 270 persoas a bordo, afrontou un terrible temporal nas costas galegas. Esta novela, rigorosamente documentada, narra con ritmo vibrante os extraordinarios acontecementos daquela noite memorable. As reaccións da tripulación e da pasaxe, e a heroica actuación dos habitantes da costa que acudiron no seu auxilio constitúen un impresionante exemplo de entrega, solidariedade e valentía. Porque só fronte aos auténticos desafíos somos quen de descubrir de que substancia están feitas as persoas.


Escoita aquí o programa
(minuto 01:07:39)



mércores, 15 de maio de 2019

Milkman, de Anna Burns


Nesta cidade anónima, ser interesante é perigoso. A irmá mediana, nosa protagonista, empéñase en evitar que a súa nai descubra ao seu posible noivo e en non dar explicacións sobre o seu encontro co leiteiro. Pero en canto o primeiro cuñado descobre a súa situación e fai correr o rumor, a irmá mediana vólvese «interesante». O último que ela quere. Porque ser interesante implica que che presten atención e iso é perigoso. Milkman é unha historia de rumores e habladurías, de silencio e xordeira intencionada na época álxida do conflito de Irlanda do Norte. É a historia dunha inacción con enormes consecuencias.

Premio Man Booker 2018
Premio National Book Critics Circle 2019



Podes atopalo na biblioteca co rótulo
N BUR mil novidades social e política





martes, 14 de maio de 2019

Curso de técnicas e habilidades para o fogar


Que pretende este curso?
Organizar eficientemente o fogar.

De que forma?
A través de sesións teóricas por unha banda e o máis importante creando un espazo de reflexión e traballo para establecer as bases de funcionamento da casa.

Que resultado final búscase alcanzar?
Que, ao dirixir os nosos fogares, as nosas casas, mellore nosa calidade de vida, as nosas relacións interpersoais e o noso benestar

Por iso traballaremos tres áreas :
. a xestión do tempo e a organización
. técnicas e habilidades que faciliten as tarefas do fogar
. e como ferramenta de ligazón a comunicación entre os membros da familia.

Duración:
3 sesións de aproximadamente 2 horas e 15 minutos cada una, o sábados 25 de maio e 1 e 8 de xuño.

Número de participantes:
Ao ser sesións nas que o traballo dos participantes é o máis importante, o número máximo de persoas na aula son 20, é dicir, 10 parellas. Apuntarse aquí.

Destinatarios:
Parellas de menos de 35 anos que leven convivindo xuntos máis dun ano, é dicir, que teñan algunha experiencia de organización da súa casa.

Contido das sesións:
Xestión do tempo e organización
Cociña
Roupa
Limpeza
Presuposto e Sustentabilidade
Comunicación na familia

Material necesario:
Convén traer lapis e goma para o traballo das sesións. O resto do material achégase desde a organización.

Curso impartido por Beatriz Sangil.



luns, 13 de maio de 2019

Coloquio "O Oasis das palabras"


venres, 10 de maio de 2019

Para esta fin de semana recomendamos... Carmen y Lola



Carmen e Lola son dous adolescentes xitanas do arrabalde de Madrid que tratan de levar cara adiante o seu romance, a pesar dos inconvenientes e discriminacións sociais ás que teñen que verse sometidas pola súa familia. Nunha cultura onde a homosexualidade é un tabú e as mozas parecen estar destinadas a casar e ter moitos fillos, esta película penétranos nos retos aos que deben enfrontarse as protagonistas desta complicada relación.





Podes atopala na sala de audiovisuais co rótulo
CINE ESPAÑOL CAR novidades


Desfruta do trailer


(fuente: Sensacine)


xoves, 9 de maio de 2019

Esta semana recomendamos en Lugo en la Onda...

Onte na nosa pequena sección sobre libros no programa Lugo en la Onda de Onda Cero recomendamos...


Teño uns pés perfectos
de María Solar e Gusti
Editorial Kalandraka


Melchor Sabichón preséntase ao concurso «Na busca do neno máis listo» pero, malia ter preparado moitos e moi sesudos temas, non esperaba enfrontarse a unha materia descoñecida: os pés. O protagonista atopará nun libro todo canto necesita saber sobre esas extremidades inferiores: os tipos de pés, a súa anatomía e a función que cumpren para que poidamos camiñar e correr, o número de ósos que teñen, curiosidades sobre as unllas ou as pegadas que deixamos.

"Teño uns pés perfectos" é un libro dentro doutro libro, cunha parte de creación literaria e outra informativa, diferenciadas na obra impresa pola cor do papel. Os lectores acompañarán a Melchor no seu descubrimento de todo canto precisa aprender sobre os pés para -cos coñecementos adquiridos- presentarse ao concurso, tendo chegado á conclusión de que ás veces o inmediato pásanos máis desapercibido.


Escoita aquí o programa
(minuto 01:08:27)



Xuntanza de Clubs de Lectura da Provincia


Este sábado 11 de maio ás 11:00 da mañá a Biblioteca acollerá a primeira Xuntanza de Clubs de Lectura da provincia.

O obxectivo desta xornada é debater sobre as diferentes experiencias que xiran en torno aos clubs de lectura, así como compartir opinións sobre os libros lidos. Este encontro é unha actividade para os clubs de lectura e os seus integrantes, para coñecernos entre nós e falar de libros.

En resumo, un espazo para falar, coñecerse e intercambiar experiencias entre os diferentes clubs.

Estades convidados!



mércores, 8 de maio de 2019

Mesa de conversa en inglés



Mañá, xoves 9, temos unha nova
Mesa de Conversas en Inglés

Vide compartir un rato agradable mentres practicades o idioma, co apoio de Keyla James, voluntaria cultural.

Esperámosvos ás 19:30
na Sala multiusos da Biblioteca.






martes, 7 de maio de 2019

Sakura, de Matilde Asensi

En 1990 o retrato do doutor Gachet de Van Gogh foi poxado en Christie's por cífraa récord de oitenta e dous millóns e medio de dólares. Comprouno o millonario xaponés Ryoei Saito.

Enfadado co goberno do seu país polos impostos que lle reclamaban polo cadro, Sayto anunciou nunha rolda de prensa mundial que o lenzo de Van Gogh desaparecería con el.

Desde a súa morte, en 1996, nada se volveu a saber da obra no mundo da arte. Un misterio que fixo correr ríos de tinta e deu pé a todo tipo de especulacións. Matilde Asensi novela a súa procura e dá resposta a moitas das incógnitas do enigma da súa desaparición.

Desde a galería Père Tanguy en París e coa dirección do xaponés Ichiro Koga, un grupo heteroxéneo de cinco persoas descoñecidas entre si emprenderá unha aventura que cambiará as súas vidas. A enfermeira Odette, o galerista Hubert, o artista urbano Oliver, a pintora e galerista en liña Gabriella e o manitas John viaxarán por Xapón sorteando perigos e descifrando enigmas que lles guiarán na procura do cadro. Polo camiño tecerán entre eles uns lazos invisibles que lles levarán ao éxito ou ao fracaso.


Podes atopalo na biblioteca co rótulo
N ASE sak novidades aventuras





luns, 6 de maio de 2019

"Mamá, por qué?" con Charo Jaular



Nen@s de 0 a 3 anos

Inscripción aberta desde hoxe 

20 prazas

Venres 10 - 18:00 - Ludoteca



Por que voan os paxaros?
Por que os coellos teñen as orellas tan longas?
Por que os elefantes teñen cabeiros tan grandes?
Por que Cincenta perde o seu zapato?
Por que nos temos que deitar tan pronto?

"Cha-Charo”, como lle chaman os nenos/as cando conta, encántalle mesturar contos "minúsculos", como pulguiñas, con contos "tan grandes", como baleas. Pero sempre e en cada conto, en cada historia... vivir unha aventura tendo como fronteira, "os soños".





Espectáculo "Brinca vai! De aquí a acolá" con Paco Nogueiras




Para todos os públicos

Ata completar aforo 

Venres 10 - 18:00 - Salón de Actos




Acompañade ao músico e actor Paco Nogueiras cos seus instrumentos e a súa querida “Máquina” nunha divertidísima viaxe chea de humor, baile e cancións. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano (o magosto, o samaín, o entroido, o nadal) e o respecto á nosa lingua serán parte da equipaxe.

Unha fantástica oportunidade de brincar e de pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música soa con forma de sorriso.




venres, 3 de maio de 2019

Para esta fin de semana recomendamos... El fotógrafo de Mauthausen


Francesc Boix (Mario Casas) é un preso que traballa no laboratorio fotográfico do campo de concentración de Mauthausen. Coa axuda dun grupo de prisioneiros españois que lideran a organización clandestina, Boix arriscará a súa vida para poñer en marcha un plan: a evasión duns negativos que demostrarán ao mundo as atrocidades cometidas polos nazis nese campo de concentración. Miles de imaxes que mostran desde dentro o horror cotián dun sistema perverso. As fotografías que Boix e os seus compañeiros lograron salvar foron determinantes para condenar a altos cargos nazis nos xuízos de Núremberg en 1946. Boix foi o único español que asistiu como testemuña.



Podes atopala na sala de audiovisuais co rótulo
CINE ESPAÑOL FOT novidades


Desfruta do trailer


(fuente: Sensacine)


Obradoiro "Biblioteca encantada"


Achegádevos da man do mago David Méndez ao mundo da maxia e o ilusionismo!

Que vades aprender?
Neste curso aprenderedes sinxelos segredos que sorprenderán a todos. Non só aprenderedes o truco senón tamén as técnicas necesarias e o máis importante: como presentar os xogos.

Necesitades algo especial para aprender?
Non necesitas nada, só ganas de ver e aprender maxia e asistir os días do curso.

Vades ser magos de verdade?
Ao final do curso conseguiredes presentar os vosos efectos favoritos aprendidos no curso. Teredes a oportunidade de actuar nunha Gala-Show de Maxia o día 31 de maio ante público.

Esta actividade está indicada para nenos de 6 a 12 anos e terá lugar os días 9, 16 e 23 de maio ás 18:00 h. na sala multiusos. É totalmente gratuíto

Para participar é necesario inscribirse na sala infantil. Só temos 15 prazas!

Animádevos, pequenos magos!


xoves, 2 de maio de 2019

Novidades no fondo de adultos: Non-Ficción

Comenzamos a última semana do mes cunhas cantas novidades de non-ficción que están agardando por vós: saúde, historia, creatividade, ciencia, educación... Premendo nas imaxes podedes consultar se están dispoñibles ou ben facer unha reserva dende o catálogo.

Novidades Non-Ficción