venres, 11 de xaneiro de 2019

Esta semana recomendamos en Lugo en la Onda...

Este pasado mércores 9, na nosa pequena sección sobre libros no programa Lugo en la Onda de Onda Cero recomendamos...


La trenza
de Laetitia Colombani
Editorial Salamandra


Con preto de medio millón de exemplares vendidos en Francia e case trinta traducións en curso, "La trenza" foi un dos fenómenos editoriais de 2017. Nesta narración vibrante e conmovedora, Laetitia Colombani —guionista, directora e actriz de recoñecido prestixio— aborda as historias de tres mulleres que, nacidas en continentes moi dispares, comparten unhas ideas e sentimentos que as unen nun poderoso anhelo de liberdade.

INDIA. En Badlapur, a intocable Smita sobrevive recollendo os excrementos dunha caste superior. Resignada á súa condición, está decidida en cambio a que a súa filla non siga os seus pasos: a pequena irá á escola e a súa vida será digna e proveitosa, aínda que para iso Smita teña que desafiar as normas establecidas.

ITALIA. A Giulia encántalle traballar no taller familiar, o último de Palermo que confecciona perrucas con pelo auténtico. Puidese ir á universidade, pero deixou o instituto con dezaseis anos para iniciarse nos segredos deste oficio. Cando o seu pai sofre un accidente e Giulia descobre que o negocio está ao bordo da quebra, afronta a adversidade con valentía e determinación.

CANADÁ. Sarah é unha avogada de éxito en Montreal que o sacrificou todo pola súa carreira: dous matrimonios errados e tres fillos aos que non viu crecer. Un día, tras caer desmayada no transcurso dun xuízo, Sarah comprende que a súa vida deu un envorco e que deberá escoller o que de verdade lle importa.

Smita, Giulia e Sarah non se coñecen, pero teñen en común o empuxe e o tesón das mulleres que rexeitan o que o destino lles ha reservado e rebélanse contra as circunstancias que as oprimen. Como fíos invisibles, os seus camiños entrelázanse, formando unha trenza que simboliza a vontade inquebrantable de vivir con esperanza e ilusión.

Escoita aquí o programa
(minuto 01:09:57)



Ningún comentario: