martes, 7 de febrero de 2017

Basada en hechos reales, de Delphine de Vigan

«Durante case tres anos, non escribín unha soa liña», di a protagonista e narradora. Chámase Delphine, ten dous fillos a piques de deixar atrás a adolescencia e mantén unha relación sentimental con François, que dirixe un programa cultural na televisión e está de viaxe por Estados Unidos rodando un documental. Estes datos biográficos, comezando polo nome, parecen coincidir difusamente cos da autora, que con "Nada se opone a la noche", o seu anterior libro, arrasou en Francia e no medio mundo. Se nesa e nalgunha outra obra anterior utilizaba os recursos novelescos para abordar unha historia real, aquí viste de relato verídico unha ficción. Ou non?

Delphine é unha escritora que pasou do éxito que a puxo baixo todos os focos á vertixe íntima da páxina en branco. E é entón cando se cruza no seu camiño L., unha muller sofisticada e sedutora, que traballa como negra literaria redactando memorias de famosos. Comparten gustos e intiman. L. insiste á súa nova amiga en que debe abandonar o proxecto novelesco sobre a telerrealidade que ten entre mans e volver utilizar a súa propia vida como material literario. E mentres Delphine recibe unhas ameazantes cartas anónimas que a acusan de aproveitarse das historias da súa familia para triunfar como escritora, L., coas súas crecentes intromisións, vaise apropiando da súa vida ata bordear a vampirización?

Dividida en tres partes encabezadas por citas de Misery e A metade escura de Stephen King, Baseada en feitos reais é a un tempo un poderoso thriller psicolóxico e unha sagaz reflexión sobre o papel do escritor no século XXI. Unha obra prodixiosa que se move entre a realidade e a ficción, entre o vivido e o imaxinado; un cegador xogo de espellos que propón unha volta de porca a un gran tema literario -o dobre- e mantén en albas ao lector ata a última páxina.


Podes atopalo na biblioteca co rótulo
N VIG bas novidades intriga e misterio