viernes, 27 de febrero de 2015

Mesa de conversa en castelán para extranxeiros


O próximo luns temos unha nova Mesa de conversa en castelán para extranxeiros

Non o dubides e achégate a practicar con nós o teu castelán.

luns 2, ás 09:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Mesa de conversa en portugués


Mañá temos unha nova Mesa de conversa en portugués

Un espazo no que practicar o teu portugués.

Esperámosvos mañá, sábado 28, ás 11:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Na sala de audiovisuais... Chef

Cando o xefe de cociña Carl Casper repentinamente deixa o seu traballo nun famoso restaurante de Los Ángeles, ao enfrontarse ao seu controlador dono e negarse a renunciar á súa integridade creativa, ten que descubrir cal é o seu seguinte paso. 

Por cousas da vida, encóntrase en Miami e asóciase coa súa ex muller, o seu amigo e o seu fillo para montar un posto de comida ambulante. Na estrada, o xefe de cociña Carl volve ás súas raíces e recupera a súa paixón pola cociña e o entusiasmo pola vida e o amor.

Podes atopala na sala de audiovisuais co rótulo: COMEDIA CHE novedades


(fuente: La Butaca)

jueves, 26 de febrero de 2015

Nova edición do curso "Iniciación á informática"


A próxima semana temos unha nova edición do noso curso para adultos "Iniciación á Informática". Dirixido a todos aqueles que andades un pouco perdidos coas novas tecnoloxías e queredes aprender a manexar un ordenador desde cero.

Terá lugar do 2 ao 6 de marzo, de 18:00 a 19:30 h., e o contido do curso será o seguinte:

1. Nocions básicas:
Escritorio de Windows, rato e teclado : utilidades
Funcións básicas: creación de carpetas, ventás e menús

2. Procesador de textos:
Barra de ferramentas: elementos básicos
Modificación de textos

3. Internet:
Busca de información
Correo electrónico

Hai 10 prazas dispoñibles, para participar é preciso ser socio da biblioteca e podédesvos inscribir na oficina de Administración.


Mañá na Biblioteca...


Temos o obradoiro "Adiós ríos, adiós fontes, soñando" con Escola Lucense de Tempo Libre.

Obradoiro no que os participantes farán un mural conxunto onde as palabras do poema de Rosalía se traducirán en imaxes.

Unha actividade para nen@s de 4 a 12 anos.

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (20 prazas).

Mañá, venres 27, ás 18:00 h. na Sala multiusos.


miércoles, 25 de febrero de 2015

As crónicas do Club de Lectura (XXXVIII)

“Quería ir a Marte en el cohete. Bajó a la pista en las primeras horas de la mañana y a través de los alambres les dijo a gritos a los hombres uniformados que quería ir a Marte. Les dijo que pagaba impuestos. (...) Los amenazó con los puños y les dijo que quería irse de la Tierra; todas las gentes con sentido común querían irse de la Tierra”

Empezas lendo a cronoloxía (Xaneiro de 1999, Marzo de 2000...) e non o parece, pero imos ler o futuro. Esta semana imos ler un clásico da ciencia ficción: "Crónicas marcianas" de Ray Bradbury.

Trátase dunha colección de relatos que teñen como fío condutor a colonización de Marte. Se ben é certo que cada relato pode lerse de xeito independente e son autoconclusivos, hai unha liña común a eles (posto que segue unha cronoloxía) que é a conquista do planeta vermello por parte duns humanos ao borde do colapso. Xente que abandona a Terra en naves espaciais prateadas e pensan en crear en Marte unha civilización de cómodos sofás, hot dogs e lemonadas no porche cando cae o día. Claro que como moitos colonos, os humanos deixarán dezmados aos marcianos e amosarán pola cultura planetaria moi pouco respecto.

Escrita na década dos 40 e sitas nun futuro que entón parecía moi lonxano (1999), estas historias en aparencia sinxelas, sérvenlle de escusa ao autor para criticar a tendencia destrutiva do ser humano e resaltar a súa alma pouco pacífica. Nos distintos relatos que conforman estas crónicas Bradbury non esquece tocar temas moi controvertidos: por qué a tendencia a rexeitar o diferente e seguir á masa?, o apego que amosamos ante as nosas orixes, a existencia de elites que se adican a fomentar a ignorancia e a uniformidade,... e sempre cunha linguaxe chea de símbolos, cunha ambientación moi simbólica que leva a disparar a imaxinación do lector.


Ray Douglas Bradbury nace en agosto do 1920 en Illinois (EUA). Foi un lector moi prolífico ademais de escritor afeccionado na súa xuventude. Dado que non pode asistir á Universidade por razóns económicas, decide comezar a vender periódicos para gañar algúns cartos, pero pasa a maior parte do tempo na biblioteca e así, comeza a escribir os seus primeiros relatos, que posteriormente venderá a certas revistas.

Ten escrito contos e novelas de distintas temáticas, mesmo guións para películas e series de televisión (destaca a súa colaboración con John Huston na adaptación de Moby Dick para a película homónima de 1956), pero é con “Crónicas marcianas” co que se lle recoñece como escritor de ciencia ficción.

Se queredes ler canda nós, na biblioteca podedes atopar este título baixo a sinatura N BRA cro , cun prólogo de Jorge Luis Borges. Ou na súa tradución ao galego por parte de María Magdalena Fernández Pérez, coa sinatura J BRA cro.

Da súa autoría e moi aclamado, é tamén Fahrenheit 451, que tedes coa sinatura N BRA fah.


martes, 24 de febrero de 2015

Ofrenda a la tormenta, de Dolores Redondo

Pasou xa un mes dende que a inspectora da Policía Foral recuperou o seu fillo e puido deter a Berasategui. Pero a pesar de que tanto a Garda Civil coma o xuíz Markina dan por morta Rosario, Amaia sente que non está libre de perigo, un desasosego que só Jonan comprende.

A morte súbita dunha nena en Elizondo resulta sospeitosa: o bebé ten unhas marcas avermelladas no rostro que indican que houbo presión dixital, e ademais, o seu pai intenta levarse o cadáver. A bisavóa da pequena sostén que a traxedia é obra de Inguma, o demo que inmobiliza aos dormentes, bebe o seu alento e arrebátalles a vida durante o sono. Pero serán as análises forenses do doutor San Martín os que convencen a Amaia 
Salazar de investigar outras mortes de bebés, que pronto revelarán un rastro inaudito no val.

Berasategui morre, entón, inexplicablemente na súa cela, o que desprega unha trepidante investigación que levará a Amaia á auténtica orixe dos sucesos que asolaron o val de Baztán. E mentres, dende o bosque, unha impresionante tormenta chega para sepultar a verdade máis demoledora.

Podes atopalo na biblioteca co rótulo: N RED ofr novidades intriga e misterio




lunes, 23 de febrero de 2015

Café Filosófico


Mañá, martes 24, temos unha nova reunción do noso Café Filósofico, e nesta ocasión co tema: os prexuízos.

Xa sabedes que as únicas normas son o respecto e a tolerancia: respecto ás quendas de palabra de cada asistente e a súa persoa e tolerancia respecto das opinions de cada un.

A reunión terá lugar na Sala multiusos, ás 18:00 h., e durará entre dúas e tres horas.

Animádevos e vide a filosofar!


viernes, 20 de febrero de 2015

Mesa de conversa en castelán para extranxeiros


O próximo luns temos unha nova Mesa de conversa en castelán para extranxeiros

Non o dubides e achégate a practicar con nós o teu castelán.

luns 23, ás 09:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Mesa de conversa en portugués


Mañá temos unha nova Mesa de conversa en portugués

Un espazo no que practicar o teu portugués.

Esperámosvos mañá, sábado 21, ás 11:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Na sala de audiovisuais... La isla mínima

1980. Nun pequeno pobo das marismas do Guadalquivir, esquecido e detido no tempo, dúas adolescentes son encontradas mortas. Dende Madrid envían dous detectives de homicidios, Pedro e Juan, de perfís e métodos moi diferentes que, por distintos motivos, non atravesan o seu mellor momento no corpo policial.

Nada é o que parece nunha comunidade illada, opaca e pregada sobre si mesma. As pescudas dos detectives parecen non levar a ningún lado. Neste difícil proceso, Juan e Pedro deberán enfrontarse aos seus propios medos, ao seu pasado e ao seu futuro. A súa relación irá estreitando e os seus métodos faranse parecidos. O único importante é dar co asasino.

Gañadora de 10 Premios Goya.

Podes atopala na sala de audiovisuais co rótulo: CINE ESPAÑOL ISL novedades


(fuente: La Butaca)

jueves, 19 de febrero de 2015

As crónicas do Club de Lectura (XXXVII)

Poucas veces obtemos unha sentencia tan unánime con respecto a unha lectura no club. Nesta ocasión foi así: “Las novelas son basura. No tienen nada dentro, ninguna verdad ni ninguna mentira, sólo aire”, tal e como diría o propio autor noutra das súas obras: “El pez dorado”.

Lemos “La música del hambre” de J.M.G. Le Clézio que segundo a maioría dos integrantes do club, non desperta o interés que se lle presupoñía a un premio Nobel.

Porén, trátase dunha obra que adquire a súa forza no poder que lle da o grao de autobiográfico que hai nela. “He escrito esta historia en memoria de una muchacha que fue a su pesar una heroína a los veinte años”. As verbas refírense a súa propia nai, representada na novela como a protagonista, Ethel.

Ethel Brun é filla dun matrimonio de exiliados: Justine e Alexandre, un home aposto que pronto deixa a súa illa natal, Mauricio, para achegarse ao París dos anos vinte e alí dilapidar a herdanza en negocios sen futuro. Na súa infancia, Ethel desfruta do seu tío avó Samuel Soliman e na adolescencia, o seu interese oriéntase cara a Xenia, unha compañeira rusa que eclipsa a súa vida. Os problemas virán ca guerra e a fame que esta esperta. Ethel terá entón que “acomodar” a súa vida ás circunstancias e sobrevivir.

Temos unha novela na que se plasma a ocupación alemá e o posterior derrubo de tipo moral, económico e familiar que invade á sociedade da época .Unha historia na que o autor fai constantes evocacións a través dos escenarios queridos, trozos de conversas xa extinguidas e outras miradas ao pasado, pero coas que non logra conquistar ao lector. ¿E iso por qué? Porque en principio, non pasa nada.

Hai autobiografías que fascinan ao autor porque nelas proxecta as súas experiencias, pero que despois para os lectores, ás veces, resulta un exercicio baleiro e carente de interese. Algo que pode estimular, neste caso a Le Clézio, pero que se o lector non pasa de sentirse un mero espectador, perde todo valor de cara ao destinatario último. É unha sensación que predomina ao longo do texto, certa distancia co relatado. A disociación autor-lector que neste caso, ven da man dos recordos, termina por ser aniquiladora.

Ben é certo que non debemos esquecer que no club, houbo membros aos si lles chegou a novela. Referencias dotadas para Meri, por exemplo, dun significado que completaba á novela fóra da propia historia.

No lado positivo, hai que dicir que Le Clézio manexa a linguaxe con esa aparente simplicidade que sabemos encerra un traballo artesán. Obtén un ritmo equilibrado para a historia que facilita a súa lectura e nese sentido, o lector vai pasando as páxinas sen dificultade que lle faga complicado o exercicio de ler.

Se queredes obter a vosa propia valoración e experiencia sobre a obra ou sobre o autor, na biblioteca este título está dispoñible baixo a sinatura N LEC mus.


As gañadoras do Certame de Poesía


Xa podédes desfrutar das poesías gañadoras das fases local e provincial do Certame de poesía "Nadal 2014".
Agardamos que vos gusten, temos uns grandes-pequenos escritores.



Mañá na Biblioteca...

Temos sesión de narración con Sherezade Bardaji "Azar, contos para voar".

Din que houbo unha nena que soñou letras unidas por unha aperta para o negro mundo. E as palabras chegaron... Fixeron a viaxe metidas nun caderno... navegando durante a noite entre soños e lúas. Cando chegaron estaban pletóricas, agradecidas, as palabras... convertéronse como por azar en contos.
Actividade para conmemorar o día Internacional da “Lingua materna”

Unha actividade para nen@s de 4 a 12 anos.

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (30 prazas).

Mañá, venres 20, ás 18:00 h. na Ludoteca.


miércoles, 18 de febrero de 2015

Xa temos aos gañadores...


...da Fase Provincial do Certame de Poesía Infantil "Nadal 2014". Aquí tedes os nomes dos nen@s gañadores nas diferentes categorías:

Categoría A (ata 8 anos)

1º premio - Xavi Román Iriarte Álvarez (Ribadeo)

2º premio - Patricia Ferreira Feás (Antas de Ulla)

3º premio - Sergio Romero González (Burela)

Accésits

Álvaro Buitrón Amado (Monforte de Lemos)

Lidia Bermúdez Rodil (A Fonsagrada)


Categoría B (de 9 a 11 anos)

1º premio - Carís Hernández Eiros (Ribadeo)

2º premio - Lucía Díaz Darriba (Vilalba)

3º premio - Laura Quiroga Ribas (Burela)

Accésits

Nuria Devesa Núñez (Lugo)

Paula Pasarín Fernández (A Fonsagrada)


Categoría C (de 12 a 16 anos)

1º premio - Silvia López Lorenzo (Vilalba)

2º premio - Saray Veiga Varela (A Pobra do Brollón)

3º premio - Alba García García (Alfoz)

Accésits

Irene Rico Gómez (Burela)

Ana Vázquez Rodríguez (Antas de Ulla)


A entrega de premios das fases local e provincial terá lugar o próximo venres 20, ás 18:00 horas no Salón de Actos, e nos próximos días publicaremos os traballos gañadores.


Esperando al rey, de José María Pérez "Peridis"

Valladolid, 1155: Alfonso VII, o emperador, reúne a súa corte para comunicar unha decisión transcendental. Á súa morte, o reino quedará dividido: Sancho, o seu primoxénito, reflexivo e débil, herdará Castela, mentres que Fernando, o seu impulsivo fillo menor, cinguirá a coroa de León.

Con este punto de partida, José María Pérez "Peridis" recrea amenísimamente nesta novela un medievo fascinante, protagonizado por reis e nobres, leais e traidores. E tamén polas mulleres que os acompañaban: Teresa, a prudente, a inclasificable Cecilia, a inxenua Estefanía, Raquel, o fermoso feixón... E polas xentes do común: canteiros, artesáns, relixiosos, campesiños ou comerciantes que mentres ían construíndo un reino para os seus señores e para maior gloria do Deus cristián, foron deixando memoria dos seus anhelos e fatigas na pedra das igrexas e catedrais, ás cales o autor dedicou boa parte da súa vida.


Premio Alfonso X de Novela Histórica

Podes atopalo na biblioteca co rótulo: N PER esp novidades histórica


lunes, 16 de febrero de 2015

Curso "Manexo de e-readers"


O próximo venres, día 20, temos un novo curso, neste caso orientado a aprender a manexar un e-reader e descargar e ler e-books. Para todos aqueles que estades interesados en pasar do papel ao libro dixital pero aínda andades un pouco perdidos.

Terá unha duración de 3 horas, de 17:00 a 20:00 h., e o contido do curso será o seguinte:

1. Descubre o libro electrónico: pros e contras.

2. Coñece os formatos máis comúns. Calibre.

3. Aprende a usar os lectores de libros electrónicos (e-readers). Bq Avant 3.

4. Consegue e descarga libros electrónicos (e-books). GaliciaLe.

Hai 15 prazas dispoñibles, para participar é preciso ser socio da biblioteca e podédesvos inscribir na oficina de Administración.


Novidades no fondo de adultos: Non-Ficción


E se un día temos novidades de ficción, pois hoxe tocan as de non-ficción. Aprender sobre plantas aromáticas, como ser un imperfecto feliz ou como facer un bo guiso, todo nas nosas novidades. Premede na imaxe superior para consultar o boletín completo ou nas portadas para ver os rexistros do noso catálogo.


Aviso: Horario de Entroido


Con motivo do Entroido, o mércores 18

o horario da biblioteca será de 9:00 a 20:00 horas.



viernes, 13 de febrero de 2015

Mesa de conversa en castelán para extranxeiros


O próximo luns temos unha nova Mesa de conversa en castelán para extranxeiros

Non o dubides e achégate a practicar con nós o teu castelán.

luns 16, ás 09:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Mesa de conversa en portugués


Mañá temos unha nova Mesa de conversa en portugués

Un espazo no que practicar o teu portugués.

Esperámosvos mañá, sábado 14, ás 11:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Na sala de audiovisuais... Una vida en tres días

Henry Wheeler é un neno de 13 anos que se esforza por ser o home da casa e coidar da súa solitaria nai en pleno turbillón da adolescencia.

Un día, ambos os dous coñecen un home necesitado de axuda que lles convence de que lle leven á casa, onde descobren que é un convicto fuxido.

O interminable fin de semana do Día do Traballo marcaraos para o resto das súas vidas.

Podes atopala na sala de audiovisuais co rótulo: ROMÁNTICO VID novedades


(fuente: La Butaca)

jueves, 12 de febrero de 2015

Obradoiro de Entroido


Mañá tamén temos o obradoiro "Facendo o Entroido" con Noelia e Marbella.

Un obradoiro de manualidades onde dunha forma creativa e instrutiva, fomentarase a creatividade dos pequenos.

Unha actividade para nen@s a partir de 5 anos.

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (15 prazas).

Mañá, venres 13, ás 18:00 h. na Sala multiusos.


Mañá na Biblioteca...


Temos o espectáculo "PequeNiños" con Chus Álvarez.

Niños que, en vez de ovos, teñen contos que me contou un paxariño.

Unha actividade para nen@s de 0 a 3 anos.

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (20 prazas).

Mañá, venres 13, ás 18:00 h. na Ludoteca.


miércoles, 11 de febrero de 2015

As crónicas do Club de Lectura (XXXVI)

¿Que pasaría se tiveses que ler un libro sen vela portada, nin sequera coñecendo o seu título?

A “cita ás cegas” que vai celebrar esta semana a Biblioteca, consiste en achegarte a un libro envolto que esconde unha historia descoñecida, pero que vai resultar atraínte, xa que non coñecemos case nada del a priori.

O vindeiro venres 13, en tanda de mañá e tarde, os usuarios que acudan á biblioteca poderán disfrutar desta proposta. Unha lectura sen prexuízos.


Todos serán exemplares Bookcrossing, ca idea de que a persoa que o lea entre en www.bookcrossing.com e conte qué lle parece a experiencia. Despois, na web pódese volver introducir o número que leva cada libro e escribir unha reseña sobre o que vos pareceu a lectura, a historia, os personaxes, o estilo do autor,... Trátase de algo sinxelo pero moi enriquecedor, posto que na páxina conflúen as opinións e puntos de vista de diferentes lectores que ademais poden ser de varios puntos de España e do mundo.

Sentiremos intriga vendo eses libros empaquetados e leremos as “pistas” para ver con cal quedamos. Logo, ao chegar a casa coa expectativa de abrir o envoltorio e ver qué aventura encerra é sen dúbida o tipo de cita lectora que un quere vivir mil veces.

A idea das “citas ás cegas” nace nas bibliotecas dos EUA, onde a maior parte dos lectores acoden “a tiro fixo” e así, sempre quedan moitos títulos eclipsados polos éxitos editoriais, os grandes clásicos e outras apostas seguras. Tentaron paliar os xuízos precipitados e as falsas impresións, cubrindo algúns deses libros con envoltorios e procurar que a maior parte dos fondos da biblioteca fosen prestados.

Posto que, segundo Andy Warhol: “A xente debería namorarse cos ollos pechados”, imos tomarlle a palabra e probar, no aspecto literario, esa máxima. Imos por un día deixarnos levar pola intuición, ser seducidos por un aspecto descoñecido e vivir a aventura da lectura.


Novidades no fondo de adultos: Ficción


Xa sabemos que pasou un tempo dende as últimas novidades, pero non creeredes que nos olvidamos, verdade? Pois non, aquí traemos as últimas historias que chegaron aos nosos andeis para que poidades desfrutalas. Premede na imaxe superior para consultar o boletín completo ou nas portadas para ver os rexistros do noso catálogo.