miércoles, 3 de junio de 2015

As crónicas do Club de Lectura (XXXXIV)

Achegarse a un dos grandes sempre impón, e facelo no marco do noso club de lectura seica non so é un reto, senón un xeito de ampliar prismas, abrir fiestras, deixar que entre o aire e, case con seguridade, saír renovado. Sendo un/a lector/a moito máis avezado/a.

É o poder da lectura compartida.

Rematamos esta semana o presente ciclo do club de lectura da biblioteca, pero dende xa, quérovos animar a participar na vindeira edición. Non hai requisitos previos, só ter ganas de ler e desfrutar con novas propostas e autores, ser quen de aventurarse no camiño da lectura a varias bandas. Non hai idade, sexo ou condición social que sexa obrigatorio cumprir, logo é sinxelo participar.

Dos anos anteriores pódovos adiantar que o prazo para apuntarse ao club de lectura, ábrese en setembro.

Pero volvendo ao que nos ocupa... pechamos este ano no club de lectura co grande Mario Vargas Llosa e a súa novela “La ciudad y los perros”.

Co autor seica non é preciso extenderse, xa que logo, afondaremos no título que nos toca ler. Trátase dunha historia ambientada nun Colexio Militar, onde os rapaces maduran a base de crueldade, disciplina e experiencias ben amargas.

Pero non é un relato sinxelo de seguir. Empezando pola linguaxe: repleto de modismos do país do autor, expresións moi específicas do mundo militar, o xeito de falar dos propios personaxes, etc. e seguindo polos numerosos saltos temporais e voces, nos que se refuxia o autor para completar a historia dun xeito ben poliédrico.

O verdadeiramente complicado é entrar na historia. Chegar a ese punto no que arrancas sen volta atrás. Porque chegar a ese punto, a moitos/as lectores privoulles dunha historia moi singular. Logo dese paso, somos quen de visualizar de xeito moi real o entorno descrito por Vargas Llosa, o ambiente, case somos quen de sentir o medo, o noxo, e en contadas ocasións o aire fresco.

En certos momentos, a trama acada gran intensidade e consegue que o lector sinta na súa pel o que lle acontece a Alberto, ao Jaguar ou a Teresa, e quere berrarlles para mitigar a dor, ou solventar as dúbidas, para poder “salvalos” da violencia na que están inmersos.

“La ciudad y los perros” é unha historia cruel, dura, violenta, que non podemos deixar de situar no seu espazo e tempo: Perú, anos 60. Aínda que ven a narrar as inquedanzas de calquera estudante nunha institución militar e que ten trazos autobiográficos.

Se les connosco (N VAR ciu) e cres que non podes seguir porque a historia non a entendes: persevera. Non é ata a páxina cen, cando o relato acada o seu punto álxido, debido ao que acontece no transcurso dunha das prácticas militares. É a partir de aí, cando a historia discorre con maior fluidez e permite ao lector sentirse un pouco máis cómodo, porque parece que vai entendendo todo. E dicimos parece, porque non chegar ao final de “La ciudad y los perros” é imperdoable se fuches quen de afondar un pouquiño na historia. O autor consegue enganar ao lector/a con absoluta mestría, así que non podes perder o xiro final para desfrutar plenamente dela.


No hay comentarios: