martes, 19 de mayo de 2015

As crónicas do Club de Lectura (XXXXIII)

Feira do Libro de Lugo. Semana de club de lectura. Sesión nas casetas da feira. Conversa con autor. Qué máis pode pedir un/unha lector/a?


Dende que estou no club de lectura aínda non tivera ocasión de asistir a ningún “encontro con escritores”, logo non teño con qué facer a comparativa, de xeito que relato a primeira impresión.

Tratábase logo dun escritor local que viña falarnos da súa primeira novela, lida por algúns dos participantes do club, grazas aos exemplares prestados pola biblioteca. “El Quijote de madera” era o libro. Unha historia sinxela que foi calificada no seu día pola prensa coma negra, pero que non deixa de ser unha novela de costumes. Narra a historia de certos personaxes no Santiago de Compostela dos anos sesenta. Certo é que polo medio, hai un morto, pero iso é algo circunstancial, segundo ademais recalcou o autor: Francisco Javier Neira Pampín.

Falar cos autores cara a cara, permite aos lectores contrapoñer sensacións, preguntar polas dúbidas máis inesperadas que xorden cando alguén le na soidade do seu recanto, confrontar teorías sobre a trama, etc. É un exercicio moi enriquecedor e non só para quen le, senón creo, tamén para o/a autor/a. Debería facerse máis, moito máis.

Cantas veces dixemos iso de: “cada lector é unha lectura diferente” e no club sempre comprobamos a veracidade de tal afirmación. Xa que cando nos atopamos co autor, non somos quen de calar e sempre indagamos sobre o que nós (como lectores) críamos que o autor quería dicir en tal ou cal tramo da historia. É un proceso moi curioso, porque na creación de cada escritor danse fases moi diferentes, obxectivos distintos e xustificacións que ás veces, nin se nos ocorrerían.

O club de lectura moitas veces permite aos participantes facer unha lectura moito máis enriquecida. Ese é o valor fundamental dunha actividade coma esta. Ler podemos facelo en moitas e diversas circunstancias, pero cando lemos en compañía, a lectura crece, multiplica perspectivas, ofrece prismas inesperados, e se cadra aporta sentimentos esquecidos ou pasados por alto.

Falamos nesta sesión tamén do Día das Letras Galegas. Pero nesta ocasión Figueira Valverde (autor ao que se lle adica a conmemoración do 2015) non nos deu para moito debate. Ata o momento non foi moi lido por nós. Se acaso, haberá que facer un esforzo.

E finalmente logo de ter a nosa tertulia na caseta da biblioteca, iniciamos un percorrido polo resto das casetas da feira. No que xa ven sendo un clásico do club: ir na procura de recomendacións dos libreiros/as da feira.

Pero esa compilación de títulos e obras recomendadas será parte do noso vindeiro post. Non o perdades! Achégase o verán e hai que ter lecturas preparadas na recámara, ou non?


No hay comentarios: