miércoles, 8 de abril de 2015

As crónicas do Club de Lectura (XXXX)

John Dos Passos é para a maior parte dos lectores españois, "Manhattan Transfer" e pouco máis. Ás veces, coñecer a un autor non autóctono pasa por un editor que teña inquietude, curiosidade e un olfato que permita abrir un “mundo novo” de cara a certos lectores.

Co novelista que lemos esta quincena no club pasou tal que así: foi traducido e recoñecido como influínte para a novela española de posguerra coa obra antes citada, pero logo diso, a súa obra no noso país caeu no esquecemento. Pero dun tempo a esta parte apareceron eses editores que tentaron arriscar cunha recuperación parcial da súa literatura. Seica iso conseguiu “recuperar” a Dos Passos nun eido descoñecido. Porque ata o de agora chegaran a nós as súas novelas; pero do que imos falar hoxe son dos seus libros de viaxe.

No club lemos: Orient Express.

Unha liña, esta das viaxes, que xa trouxera Alfaguara coa obra "Rocinante vuelve al camino". Título no que Dos Passos deixaba constancia das impresións das súas primeiras visitas por España. Pero volvamos con Ediciones del Viento (de la cual hablamos en la anterior crónica del club) nesta ocasión, a viaxar ca recuperación para os lectores españois de "Orient Express".

Na segunda metade de 1921, o escritor americano John Dos Passos deixa París e ó seu amigo o poeta E. Cummings, para tomar o Orient Express con destino a Oriente Medio.

Dende Turquía diríxese aos Balcáns; Dende Georgia e Armenia descende a Persia e Irak, e dende Bagdad, percorre en trinta e nove días o deserto que se extende ata Damasco nunha caravana de camelos, sendo o único pasaxeiro occidental. Aquela experiencia foi recollida en diferentes periódicos e revistas, ata que no 1927 foi publicada na súa totalidade. Así reza a contraportada da obra e iso é o que atopamos entre as súas páxinas.

Textos que resultan interesantísimas crónicas de viaxe e nos que están presentes, sen dúbida, as dotes literarias do autor.

Son estes relatos, feitos a modo do viaxeiro clásico, os que veñen a acreditar a Dos Passos coma un deses aventureiros que afrontan penalidades cunha mistura de curiosidade e estoicismo e que ademais, trata de adaptarse nese discurrir a formas de vida totalmente distintas ao coñecido, incluso nas que hai outra medida do tempo.

Unha lectura para facer cunha mirada diferente, xa que son textos que animan, estimulan e inspiran olladas para reflexionar no mundo en que vivimos; que hai a noso arredor, como é o mundo que non alcanza a ser o mundo globalizado.

Dos Passos convirte o seu regreso nalgo decepcionante e di: Enfróntaste contigo mesmo de volta á casa e sénteste sumido no abatemento ao poñerte outra vez o teu vello sombreiro negro”


No hay comentarios: