jueves, 19 de febrero de 2015

As crónicas do Club de Lectura (XXXVII)

Poucas veces obtemos unha sentencia tan unánime con respecto a unha lectura no club. Nesta ocasión foi así: “Las novelas son basura. No tienen nada dentro, ninguna verdad ni ninguna mentira, sólo aire”, tal e como diría o propio autor noutra das súas obras: “El pez dorado”.

Lemos “La música del hambre” de J.M.G. Le Clézio que segundo a maioría dos integrantes do club, non desperta o interés que se lle presupoñía a un premio Nobel.

Porén, trátase dunha obra que adquire a súa forza no poder que lle da o grao de autobiográfico que hai nela. “He escrito esta historia en memoria de una muchacha que fue a su pesar una heroína a los veinte años”. As verbas refírense a súa propia nai, representada na novela como a protagonista, Ethel.

Ethel Brun é filla dun matrimonio de exiliados: Justine e Alexandre, un home aposto que pronto deixa a súa illa natal, Mauricio, para achegarse ao París dos anos vinte e alí dilapidar a herdanza en negocios sen futuro. Na súa infancia, Ethel desfruta do seu tío avó Samuel Soliman e na adolescencia, o seu interese oriéntase cara a Xenia, unha compañeira rusa que eclipsa a súa vida. Os problemas virán ca guerra e a fame que esta esperta. Ethel terá entón que “acomodar” a súa vida ás circunstancias e sobrevivir.

Temos unha novela na que se plasma a ocupación alemá e o posterior derrubo de tipo moral, económico e familiar que invade á sociedade da época .Unha historia na que o autor fai constantes evocacións a través dos escenarios queridos, trozos de conversas xa extinguidas e outras miradas ao pasado, pero coas que non logra conquistar ao lector. ¿E iso por qué? Porque en principio, non pasa nada.

Hai autobiografías que fascinan ao autor porque nelas proxecta as súas experiencias, pero que despois para os lectores, ás veces, resulta un exercicio baleiro e carente de interese. Algo que pode estimular, neste caso a Le Clézio, pero que se o lector non pasa de sentirse un mero espectador, perde todo valor de cara ao destinatario último. É unha sensación que predomina ao longo do texto, certa distancia co relatado. A disociación autor-lector que neste caso, ven da man dos recordos, termina por ser aniquiladora.

Ben é certo que non debemos esquecer que no club, houbo membros aos si lles chegou a novela. Referencias dotadas para Meri, por exemplo, dun significado que completaba á novela fóra da propia historia.

No lado positivo, hai que dicir que Le Clézio manexa a linguaxe con esa aparente simplicidade que sabemos encerra un traballo artesán. Obtén un ritmo equilibrado para a historia que facilita a súa lectura e nese sentido, o lector vai pasando as páxinas sen dificultade que lle faga complicado o exercicio de ler.

Se queredes obter a vosa propia valoración e experiencia sobre a obra ou sobre o autor, na biblioteca este título está dispoñible baixo a sinatura N LEC mus.


No hay comentarios: