miércoles, 11 de febrero de 2015

As crónicas do Club de Lectura (XXXVI)

¿Que pasaría se tiveses que ler un libro sen vela portada, nin sequera coñecendo o seu título?

A “cita ás cegas” que vai celebrar esta semana a Biblioteca, consiste en achegarte a un libro envolto que esconde unha historia descoñecida, pero que vai resultar atraínte, xa que non coñecemos case nada del a priori.

O vindeiro venres 13, en tanda de mañá e tarde, os usuarios que acudan á biblioteca poderán disfrutar desta proposta. Unha lectura sen prexuízos.


Todos serán exemplares Bookcrossing, ca idea de que a persoa que o lea entre en www.bookcrossing.com e conte qué lle parece a experiencia. Despois, na web pódese volver introducir o número que leva cada libro e escribir unha reseña sobre o que vos pareceu a lectura, a historia, os personaxes, o estilo do autor,... Trátase de algo sinxelo pero moi enriquecedor, posto que na páxina conflúen as opinións e puntos de vista de diferentes lectores que ademais poden ser de varios puntos de España e do mundo.

Sentiremos intriga vendo eses libros empaquetados e leremos as “pistas” para ver con cal quedamos. Logo, ao chegar a casa coa expectativa de abrir o envoltorio e ver qué aventura encerra é sen dúbida o tipo de cita lectora que un quere vivir mil veces.

A idea das “citas ás cegas” nace nas bibliotecas dos EUA, onde a maior parte dos lectores acoden “a tiro fixo” e así, sempre quedan moitos títulos eclipsados polos éxitos editoriais, os grandes clásicos e outras apostas seguras. Tentaron paliar os xuízos precipitados e as falsas impresións, cubrindo algúns deses libros con envoltorios e procurar que a maior parte dos fondos da biblioteca fosen prestados.

Posto que, segundo Andy Warhol: “A xente debería namorarse cos ollos pechados”, imos tomarlle a palabra e probar, no aspecto literario, esa máxima. Imos por un día deixarnos levar pola intuición, ser seducidos por un aspecto descoñecido e vivir a aventura da lectura.


No hay comentarios: