miércoles, 4 de febrero de 2015

As crónicas do Club de Lectura (XXXV)

«Tuve hambre y frío, sentí que ningún fuego, ningún abrazo me calentarían, pero sé que si un solo hombre lucha y no se deja morir, la vida vale la pena.»

Adiantabamos a semana pasada nestas crónicas, o contido que nos ocupa hoxe: “El tren pasa primero” de Elena Poniatowska. Xa que logo na edición anterior falabamos da autora, hoxe imos adicar este espazo a falar da novela que estamos a ler no club durante tres sesións.

O que fala nesas liñas superiores é un home que naceu nun pobo do sur de México e que nunca saíu del; pero un día o tren pasa fronte os seus ollos, e no ruído da máquina escoita o relato da súa vida. Trinidad Pineda Chiñas, o protagonista desta novela, foi levado polo tren a todo: a sitios inimaxinables, a incontables persoas, oficios, e especialmente ao momento en que falou diante dos seus compañeiros do ferrocarril con tal ardor e convición, que logrou convertilos na vangarda da loita obreira. Puxeron entón de cabeza ao país e ao réxime.

“El tren pasa primero” é unha gran novela que poderíamos dividir en dúas zonas diferenciadas: nunha delas o relato céntrase no ferrocarril, porque “a revolución mexicana fíxose en tren”. A novela arranca coa folga de “ferrocarrileros” inspirada na de 1959, onde o seu líder novelado correspóndese coa figura real de Demetrio Vallejo. A autora emprega unha linguaxe realista tinguida do popular para ofrecer un mural histórico onde a folga permite describir os problemas dun sindicato incipiente, fronte a patronal representada polos “charros” (do charro Díaz de León). E doutra banda, hai durante toda a narración un alento revolucionario que toma a figura da muller como esencial e determinante nesa loita.


Trátase dun relato vibrante, un fermoso canto ao poder de convocatoria, neste caso do ferrocarril, como símbolo de liberdade. Desprendendo toda a historia un aire revolucionario, no que a autora non disimula a súa postura. Entre os vaivéns da política nacional “El tren pasa primero” ilumina tamén o lado oscuro do sindicalismo e do goberno: vacilacións de negociadores e políticos máis preocupados por preservar o posto que por responder a demandas xustas dun gremio capaz de afectar ás comunicacións do país; a orixe da corrupción que vai minando a unidade do sindicato;... un medio no que Pineda Chiñas distínguese pola súa honestidade, perseveranza e afán de loita, pero que “cae” no medio dos xogos de poder favorecendo o ascenso dos novos líderes corruptos.

Emprega con mestría Poniatowska recursos narrativos que permiten equilibrar á perda de forza do arranque da novela. Hai pasaxes nos que recorre ao monólogo interior ou ós saltos atrás, coa idea de incrementar o poder da narración, pero vai ser ca presenza das figuras femininas cando a historia acade de novo a intensidade perdida. Como dixemos a figura da muller toma un papel fundamental: persoas activas, solidarias e críticas, as mulleres aparecen como parte integrante do plano social ao tempo que son transmisoras de tensións, desigualdades e costumes. Son a forza invisible. Contribúen a conformar un retrato máis vivo e completo do movemento “ferrocarrilero” e a súa época.


Así, tamén podemos ver que se o Trinidad político é unha figura atractiva, perde consistencia na expansión do relato persoal, mentres que Bárbara (a súa sobriña e fervente seguidora) incrementa o aire feminista e transgresor, converténdose nun personaxe de novela propia.

Aínda que no club de lectura son variados os enfoques e gustos, podemos dicir que esta novela suscitou importantes conversas. A historia é un canto ao tren, pero non deixa de ser tamén un episodio da historia de México. Poniatowska ten escrito unha crónica obreira cun heroe que ten luces e sombras, pero tamén se trata dun canto á solidariedade do traballo que representa á voz da última muller ganadora do premio Cervantes.


No hay comentarios: