miércoles, 21 de enero de 2015

As crónicas do Club de Lectura (XXXIII)

Fala Wolfang Iser da "teoría do lector implícito", isto é: o significado dunha novela ou dun texto en xeral non está, segundo el, no propio texto nin no contexto no que o texto foi escrito; senón nalgún lugar entrámbolos dous. O significado dun libro xorde, segundo esta teoría, cando se le.

E isto ten moito que ver coa idea proposta por R para retomar o club de lectura despois do parón de Nadal: facer close-reading.


A tamén chamada lectura atenta é aquela que realizamos de maneira lenta, procurando obter un alto grao de comprensión do texto, xa que o seu obxectivo é concentrarse no que se pretende transmitir e na forma en que se fai.

A lectura atenta axuda, polo tanto, a atopar unha gran cantidade de pormenores dentro do texto, éses que cunha lectura convencional pasarían desapercibidos.

Nese camiño da close-reading, podemos atopar dúas vertentes:

A denominada lectura crítica, consistente en reaccionar respecto do contido que lemos e poñelo en comparación cos nosos propios valores, actitudes ou crenzas. E doutra banda, a lectura inferencial, que é aquela que se da cando a partir da lectura establecemos conclusións non explícitas no propio texto.

Nós, no club de lectura, realizamos o “exercicio” con dous relatos: “La marquesa de O” de Heinrich Von Kleist e “Bartleby, el escribiente” de Herman Melville. Dous modelos de texto que non só difiren moito un do outro, senón que son ben propicios para o segundo tipo de lectura, a inferencial.

Tanto é así que o debate xerado (especialmente co texto de Melville) precisou das dúas horas íntegras da sesión do club de lectura. A abundancia de interpretacións e as múltiples aristas que lle atopamos á historia, fixo que tiveramos unha conversa longa, pero ademais moi fructífera.

Intentar realizar close-reading nun tempo como o que vivimos hoxe en día, resulta un exercicio complicado, especialmente pola falta de tempo e disposición para adicar á lectura todos os nosos sentidos. Pero é unha práctica moi enriquecedora que, dende o club de lectura recomendamos vivamente.


No hay comentarios: