miércoles, 30 de abril de 2014

O venres na Biblioteca...


Temos o espectáculo "Lobo bobo" con Elefante Elegante.

Que pasaría se o lobo da Carrapuchiña se fixese vexetariano?
Que acontecería se a madastra de Brancaneves se convertese nun dos tres porquiños cada vez que se mira no espello?

A resposta a estas e outras preguntas poderémola descubrir neste novo espectáculo.

Unha actividade para nen@s de 3 a 7 anos

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (35 prazas)

venres 2, ás 18:00 h. na Ludoteca


Certame de Narración e Debuxo Infantil "Letras Galegas 2014"


Xa está aquí de novo o Certame de Narración e Debuxo Infantil "Letras Galegas 2014".

Poden participar tódos os nenos e rapaces socios da Biblioteca, en dous modalidades: Narración e Debuxo. O tema escollido este ano é "Cociñando contos".

As narracións deberán ser en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara; e os debuxos deberán estar feitos sobre cartolina de tamaño aproximado ó DIN-A4.

Cada neno poderá presentar cantos traballos desexe, acompañando cada un deles cunha folla cos seus datos persoais. Haberá 3 categorías:

A -- nenos ata 8 anos
B -- nenos de 9 a 11 anos
C --- rapaces de 12 a 16 anos

O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 9 de maio, debendo estar entregados na Biblioteca nesa data.

O xurado, que estará formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade (debuxo e narración) e categoría (A, B e C) un máximo de 3 traballos. Os seleccionados daránse a coñocer antes do Día das Letras Galegas, e recibirán cadanseu diploma e lote de libros.

Os traballos premiados nesta Fase Local participarán na Fase Provincial do Certame, convocada pola Biblioteca, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.



As crónicas do Club de Lectura (XX)

Ler é, ás veces, observar, ver e interpretar trazos e debuxos. Chegou a hora de ler no club de lectura unha novela gráfica...


Trátase dunha obra cun debuxo simplificado e cuio peso recae no texto e na historia que se pretende contar. Falamos de Maus, de Art Spiegelman, merecedora do Premio Pulitzer en 1992, como único cómic que o conseguiu.

En palabras de Umberto Eco: “Maus é un libro que un non pode deixar, nin sequera para durmir”. E en verdade é capaz de facelo: atrapa ao lector sen ambaxes, debido seguramente á fluidez do ton empregado e á animalización dos personaxes (os principais son ratos, gatos e porcos) que axuda a obter unha lectura máis hipnótica.

O que conta Maus non deixa de ser unha historia xa coñecida: é a biografía de Vladek Spiegelman, un xudeu polaco supervivinte dos campos de exterminio nazis contada polo seu fillo Art, un debuxante de cómics que quere deixar memoria da persecución que sufriron miles de persoas na Europa sometida a Hitler e das consecuencias desta na vida cotiá das xeracións posteriores.

¿Logo onde radica a novidade da obra? Probablemente en queSpielgeman se aproxima ao tema do Holocausto dun xeito renovador, pero empregando os recursos estilísticos e narrativos máis tradicionais. Acada a transgresión coa animalización antes mencionada, pero tamén sendo o texto tan fidedigno, ata o punto de que Art Spielgeman reproduce os erros léxicos do seu pai, ao expresarse de xeito incorrecto en inglés, por exemplo. Ademais, combina a disposición da historia mesturando a parte rememorada coa contemporánea, e iso trasládase ao formato das viñetas (en certos casos sen recuadrar, dándolle formas estranas) producindo no lector un distanciamento emocional.

Doutra banda é importante salientar que queda patente o choque que se produce entre os malentendidos cotiáns inevitables entre un pai e o seu fillo, que viven realidades radicalmente diferentes e a gran traxedia do pasado, que aínda pesa na conciencia de tódolos personaxes.

Con respecto ao autor dicir que Spielgeman é un estadounidense nacido en Estocolmo no 1948, fillo dunha familia polaca xudía. Estudiou “cartooning” na School of Art and Design de Manhattan e tamén na Universidade de Binghamton, aínda que non conseguiu rematar os estudios superiores.

No 1960 publica os seus primeiros debuxos baixo o seudónimo Skeer Grant e non será ata 1977 cando se edite unha recopilación do seu traballo titulada Breakdowns. Entre o 75 e 76 codirixe xunto a Bill Griffith a revista Arcade e no 1980 funda ca súa muller a revista de vangarda Raw. Alí é onde Maus aparece primeiramente por entregas.

E se queres ler connosco, a obra está dispoñible na comiteca coa sinatura CA SPI mau


martes, 29 de abril de 2014

El cuarto de las estrellas, de José Antonio Garriga

"El cuarto de las estrellas" é a historia dun home que sofre un accidente que lle borra os recordos máis recentes, mentres os recordos máis remotos xermolan con estraña fluidez, e retírase ao escenario da súa infancia para escribir unha novela tecida con todas esas memorias. A "La Araña", un lugar asfixiante e gris situado en ningunha parte, un pobo acantoado entre o mar e a omnipresente cementeira.

A vida da familia dá un xiro cando un décimo comprado polo pai do narrador resulta agraciado co primeiro premio no sorteo da lotaría de Nadal de 1973. Un décimo que os fixo ricos e á vez os arruinou... O pai decide viaxar a Nova York, o seu paraíso soñado, e no transcurso desa viaxe familiar desvelará ao seu fillo un segredo que non pode gardar por máis tempo.

Ese segredo é a pedra angular dunha novela na que o autor conseguiu inxectar vida a uns fantasmas tan reais que acaban convencéndonos de que, quizais, os fantasmas sexamos nós, de que fomos expulsados dunha patria á que acudimos sempre, o pasado, a pesar de que alí só hai cincentas.


Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N GAR cua novidades vida cotiá



lunes, 28 de abril de 2014

Bookcrossing no Día do Libro

Como moitos de vos sabedes a biblioteca conta cunha Zona Oficial Bookcrossing (ZOBC), ou o que ven sendo un lugar onde deixar e recoller libros que nos poidan interesar. De maneira libre, de balde e sen compromiso ningún.

O Bookcrossing é unha práctica que consiste en compartir libros, pero non necesariamente con amigos, familiares, etc…senon tamén, con xente que non coñeces e ás veces, os que o practicamos, deixamos algún libro en lugares públicos para que atopen un novo lector.

Como cada libro leva un número de rexistro, a idea é que quen o recolla introduza ese número na web e comente que o ten nas súas mans, porque deste xeito, quen o rexistrou nun principio saberá por ónde e con quén está o seu exemplar.

O grupo Bookcrossing de Lugo quixo celebrar o pasado día do libro, cunha liberación na ZOBC da biblioteca. Así que soltamos casi cen títulos, algúns “envoltos” en globos, coa intención de facer ver que os libros Bookcrossing son libros libres, ansiosos por viaxar e coñecer diferentes lectores para non permanecer olvidados nos andeis.

Cónstanos que alguén “cazou” un libro moi especial, é dicir, levouno con el ou ela e sabelo emociona. Oxalá se anime a contalo no diario de viaxe do libro. Tratábase dun exemplar moi, pero que moi viaxeiro. Tanto, que chegou dende Arxentina, de mans do propio autor e percorreu diferentes lugares do seu país e de España. Se vos interesa, podedes botarlle un ollo aos comentarios aquí

Ademáis, o acto serviu para conmemorar tamén o Día Internacional Bookcrossing, que se celebrou en todo o mundo o 21 de Abril e congregou a moitos “bookcrossers” entorno á liberación de diferentes exemplares, con historias realmente curiosas. Algún grupo hasta liberou libros “abrigados”, unha tendencia que cada vez reúne a máis aficionados e que fai do acto de liberar algo ben bonito

Coma sempre, invitámosvos a coñecer o movemento, a liberar e “cazar” títulos e  especialmente a non deixar que os libros morran esquecidos nos andeis.

Para máis info sobre o movemento en Lugo tedes este enderezo electrónico á vosa disposición: lugolibroslibres@hotmail.com


Comidas de libro

Eso é o que contén o curioso libro "Fictitious dishes" da deseñadora e directora de arte Dinah Fried, unha recopilación de fotografías dalgunhas das comidas que aparecen en grandes obras da literatura universal que todos coñecemos: O Gran Gatsby, Oliver Twist, Alicia no país das maravillas ou Moby Dick. Aquí vos deixamos algunhas das fotos que aparecen na súa web. Algunhas son máis apetecibles ca outras... ;)

Alicia no país das maravillas

Moby Dick

O gran Gatsby

O gardián entre o centeo

A metamorfose


viernes, 25 de abril de 2014

Mesa de conversa en portugués


Mañá temos unha nova Mesa de conversa en portugués

Un espazo no que practicar o teu portugués, coordinado polo voluntario cultural Xavier García.

Esperámosvos mañá, sábado 25, ás 11:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Mañá na Biblioteca...


Temos a sesión de narración "Congo, tres historias de coraje" con Taller de Solidaridad.

Este proxecto de sensibilización conta en Lugo coa colaboración do coñecido artista Anxo Moure pioneiro, en Galicia dende 1.989, de iniciativas solidarias a través de contacontos. Unha sesión con contos solidarios reais como ferramenta educativa.

Unha actividade para nen@s de 3 a 10 anos

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (30 prazas)

Mañá, sábado 26, ás 11:30 h. na Ludoteca


jueves, 24 de abril de 2014

Ávidas pretensiones, de Fernando Aramburu

Coa chegada da primavera, o pobo de Pantorra do Piñeiral prepárase para recibir ao máis granado do panorama lírico español, que acode ás terceiras Xornadas Poéticas, celebradas anualmente no Convento das Espinosas. A reunión de tres días preséntase como a oportunidade perfecta para o desvarío dos participantes, que chegan con ganas de esmorga e un obxectivo común entre cella e cella: o sexo, a diversión e a gloria literaria, acompañada preferiblemente dun pisón ao contrario.


Todo é posible nestes encontros. Se algo pode acabar mal, rematará peor nunhas xornadas que dificilmente poderán volver convocarse. Un percorrido polas miserias do mundo poético nunha comedia de enredos que, a pesar da súa mordacidade, non está exenta de certa dose de tenrura, a auténtica receita do bo humor.

Un perfecto dominio da linguaxe, a brillantez lúdica no ton solemne do narrador e a parodia canalla da trama son os ingredientes que Fernando Aramburu puxo ao servizo dunha novela hilarante que entronca coa tradición satírica das letras españolas, xénero capaz de infiltrar con clarividencia a crítica máis incisiva na gargallada máis espontánea.

Premio Biblioteca Breve 2014

Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N ARA avi novidades humor



miércoles, 23 de abril de 2014

Feliz Día do Libro a todos!!!


martes, 22 de abril de 2014

Mamá e papá nos audiolibros

Ese é o nome do obradoiro de gravación de audiolibros infantís que temos preparado para vós, seguindo coas actividades do Día do Libro. Levarao a cabo Fanfarra Social Cultural.

Está orientado a nais, pais ou calquera persoa maior de idade que desexe participar na creación dun audiolibro. Poñerémoslles voz aos personaxes, faremos ambientacións sonoras… todo para rematar cun fermoso audiolibro.

Terá lugar os días 23, 24, 25, 28 e 29 de abril, ás 17:00 h.

Para participar é necesario inscribirse na oficina de Administración (12 prazas).


Día do libro


Con motivo do Día do Libro, mañá na Biblioteca teremos distintas actividades para celebrar esta data:

- Ás 11:00 h.: Visita do colexio CEIP San Xoan de Becerrea

- Ás 11:45 h.: Contacontos "Zoo" con Chus Álvarez.
“Zoo” é unha sesión de contacontos moi especial, onde os animais son os verdadeiros protagonistas; sendo os fíos condutores da historia e a palabra a maga que da vida as súas aventuras. Entrada libre

- Ás 12:00 e 19:00 h.: Visitas guiadas excepcionais, para todos os que queirades coñecer a biblioteca e os seus servizos.

- Ás 12:00 e 18:00 h.: Liberación de libros Bookcrossing.
A acción consistirá na liberación de arredor duns 100 libros. Será nun lugar ben visible: á entrada da Biblioteca... Peques e grandes estades invitados a traer os vosos libros e liberalos. Organiza Bookcrossing Lugo

- Ademáis sortearemos dous lotes de libros (1 infantil e 1 de adultos)
Achégate á biblioteca do 1 ao 23 de abril e terás un premio se es o usuario/a que máis documentos levaches en préstamo nesas datas. Anímate a ler!
O sorteo terá lugar o día 24 de abril.

Vide celebrar connosco este día!


lunes, 21 de abril de 2014

Mesa de conversa en francés


Mañá temos unha nova Mesa de conversa en francés.

Dun xeito ameno e divertido, e para todos os niveis de francés, podédes participar nestas mesas de diálogo coordinadas polos nosos voluntarios, Bárbara e Patrick.

Esperámosvos mañá, martes 22, a partir das 18:30 na Sala multiusos

Animádevos a participar!


Café filosófico


Mañá, martes 22, temos unha nova reunión do noso Café Filósofico, onde abordaremos un novo tema: A espiritualidade no século XXI

Xa sabedes que as únicas normas son o respecto e a tolerancia: respecto ás quendas de palabra de cada asistente e a súa persoa e tolerancia respecto das opinions de cada un.

A reunión terá lugar na Sala multiusos, ás 18:00 h., e durará entre dúas e tres horas.

Animádevos e vide a filosofar!


As crónicas do Club de Lectura (XIX)

“El redoblante reapareció como un espectro del pasado. Estalló frente al salón de billar, a las diez de la mañana, y sostuvo al pueblo en equilibrio en su puro centro de gravedad, hasta cuando se batieron las tres advertencias enérgicas del final y restableció la zozobra.
-¡La muerte!- exclamó”
Extracto de "La mala hora"

Sendo como era de ateo, a morte estaba moi presente na obra de Gabriel García Márquez (218 veces en dez das súas obras) e incluso el creu estar “sentenciado” no momento en que recibiu o prtemio Nobel, xa que segundo pensaba, casi ninguén sobrevivira sete anos ao premio (así lle acontecera a Sully Prudhomme, Camus e Mommsen). Aínda que en realidade, o escritor imaxinou que moriría a mans dun marido afogado polos ciumes. 

As súas prediccións non se cumpliron, pero eran outra maneira de fabular. Porque Gabriel García Márquez conxugaba como poucos unha fantástica capacidade de invención e un gran poderío narrativo.

A súa obra narrativa sobresae polo seu carácter renovador e a súa especial fantasía, característica que o levou a ser o máximo expoñente do chamado Realismo Máxico, e que tería en "Cien años de soledad" a súa obra maestra.

As primeiras novelas, a pesares da calidade que encerran, téñense considerado como unha preparación daquela posto que xa aparecen nelas o mundo mítico e algúns dos personaxes de Macondo. Acontece así con "La hojarasca", "El coronel no tiene quien le escriba", "Los funerales de Mamá Grande" ou "La mala hora".

Pero de "Cien años de soledad" chegou a dicir que aínda que se escribiran toneladas de papeis sobre ela, ninguén tocara o que a el máis lle interesaba: a idea de que a soedade é o contrario da solidariedade, punto que García Márquez consideraba era a esencia do libro.

Despois aparecerían moitos outros títulos salientables: "El otoño del patriarca", "Crónica de una muerte anunciada", "El amor en los tiempos del cólera", e tamén as súas memorias tituladas "Vivir para contarla".

Non podemos esquecer o seu inxenio e o humor intelixente que sempre o acompañaba, sendo puntal máximo do mamagallismo, actitude bromista, irónica e irreverente, e que levou a moitos a dicir del que foi un “tomador de pelo” excepcional.

Moitas das obras mencionadas, podedes atopalas na biblioteca, e tamén as versións cinematográficas de "El coronel no tiene quien le escriba" e "El amor en los tiempos del cólera".



sábado, 19 de abril de 2014

Mesa de conversa en castelán para extranxeiros


O próximo luns temos unha nova Mesa de conversa en castelán para extranxeiros

Non o dubides e achégate a practicar con nós o teu castelán.

luns 21, ás 09:30 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



miércoles, 16 de abril de 2014

Novidades no fondo de adultos: Non-Ficción


E para rematar esta semana tan cortiña, outra tanda de novidades, nesta caso de non-ficción. Aproveitade estes días de vacacións para coñecer mellor o noso universo, descubrir novas técnicas de manualidades ou desfrutar facendo xabóns, todo grazas as nosas novidades. Premede na imaxe superior para consultar o boletín completo ou nas portadas para ver os rexistros do noso catálogo.















martes, 15 de abril de 2014

Mesa de conversa en inglés


Esta tarde temos unha nova Mesa de conversa en inglés

Vide compartir un rato agradable cos nosos coordinadores angloparlantes, Bárbara e Patrick.

Esperámosvos ás 18:30 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Roteiro literario Ánxel Fole

O próximo martes 22 temos unha nova actividade para todos vos, un roteiro literario en torno ao autor Ánxel Fole.

A ruta percorrerá distintas zonas, baseándonos nos libros de Ánxel Fole, a través do aproveitamento do noso patrimonio literario, descubrindo os espazos literarios e lugares da nosa cidade mais próximos ao narrado.

Percorreremos os escenarios dalgunhas das súas obras mostrando as distintas formas de arte, arquitectura e natureza, onde invitamosvos a participar de forma interactiva.

Para participar é necesario inscribirse na oficina de Administración (25 prazas).

A saída será ás 17:00 h. dende o vestíbulo da biblioteca.


lunes, 14 de abril de 2014

Novidades no fondo de adultos: Ficción


Para que aproveitedes estes días de asueto da Semana Santa que mellor que algunhas das últimas novelas que chegaron á Biblioteca. Premede na imaxe superior para consultar o boletín completo ou nas portadas para ver os rexistros do noso catálogo.