lunes, 31 de marzo de 2014

Mesa de conversa en francés


Mañá temos unha nova Mesa de conversa en francés.

Dun xeito ameno e divertido, e para todos os niveis de francés, podédes participar nestas mesas de diálogo coordinadas polos nosos voluntarios, Bárbara e Patrick.

Esperámosvos mañá, martes 1, a partir das 18:30 na Sala multiusos

Animádevos a participar!


El valle del asombro, de Amy Tan

A espera pagou a pena. Amy Tan, aclamada autora de "El club de la buena estrella", regresa cunha marabillosa novela de nais e fillas, logros e perdas, secretos, e desexos.

1912, Shanghái. Violeta é a filla adolescente de Lulú, unha estadounidense propietaria da mellor casa de cortesás da cidade. Sempre a cabalo entre dous mundos, e vendo como Lulú evita falar do pasado, Violeta non acaba de encontrar o seu lugar, e está convencida de que a súa nai non a quere.

Pero antes de que poidan arranxar as súas diferenzas ambas as dúas serán vítimas dun engano que as separará, levando Lulú de volta a San Francisco e convertendo a Violeta en cortesá.

Anos despois, e coma se o destino fose unha condena á que non poden escapar, Violeta sufrirá tamén os reveses da sorte, e se decatará por enfrontarse ao pasado, compartir os seus segredos e afondar na complexa de que a súa única oportunidade de encontrar a felicidade pasa relación entre nais e fillas.

Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N TAN val novidades vida cotiá




viernes, 28 de marzo de 2014

Mesa de conversa en portugués


Mañá temos unha nova Mesa de conversa en portugués

Un espazo no que practicar o teu portugués, coordinado polo voluntario cultural Xavier García.

Esperámosvos mañá, sábado 29, ás 11:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Na sala de audiovisuais... Bestias del sur salvaje

A historia de "Bestias del sur salvaje" trasládanos a unha esquecida e orgullosa comunidade, instalada nunha zona pantanosa formada polos meandros do río Mississippi, apartada do mundo por un inmenso dique, onde a pequena Hushpuppy, de seis anos, está a punto de quedar orfa. 

Hai tempo que a súa nai se foi, e o seu adorado e tolo pai sempre está de esmorga. Hushpuppy debe arranxarllas como pode no medio da nada, rodeada de animais semisalvaxes. Percibe a natureza como unha fráxil rede poboada de cousas que viven, respiran e expelen auga, e que o universo depende de que todo encaixe á perfección. Pero cando unha tormenta eleva as augas arredor do seu pobo, o seu papá enferma de pronto, e Hushpuppy descobre que a orde natural que tanto ama está a punto de derrubarse.

Nun intento desesperado por reparar a estrutura do mundo e así salvar ao seu pai e o seu fogar, esta diminuta heroína deberá aprender a sobrevivir a unha catástrofe imparable de proporcións épicas.

Podes atopala na sala de audiovisuais có rótulo: DRAMA BES novedades

(fuente: LaButaca)

jueves, 27 de marzo de 2014

En la orilla, de Rafael Chirbes

O achado dun cadáver no pantano de Olba pon en marcha a narración. O seu protagonista, Esteban, viuse obrigado a pechar a carpintaría da que era dono, deixando no paro aos que traballaban para el. Mentres se encarga de coidar o seu pai enfermo en fase terminal, Esteban indaga nos motivos dunha ruína que asume no seu dobre papel de vítima e de verdugo, e entre cuxos entullos encontramos os valores que rexeron unha sociedade, un mundo e un tempo.

A novela obríganos a mirar cara a ese espazo lamacento que sempre estivo aí, aínda que durante anos ninguén parecía estar disposto a asumilo, á vez lugar de uso e abismo onde se ocultaron delitos e se lavaron conciencias privadas e públicas. Herdeiro da mellor tradición do realismo, o estilo de "En la orilla" sostense por unha linguaxe directa e un ton obsesivo que atrapa o lector dende a primeira liña volvendo o cómplice.

Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N CHI enl vida cotiá



Mañá na Biblioteca...


Temos o espectáculo "Contos para escoitar mentras bailamos un vals" con Caxoto.

Neste novo espectáculo Caxoto Contacontos desprega unha ampla destreza no manexo dos máis insólitos instrumentos musicais. O exotismo do birimbao, a maxia da frauta doce, ó ronroneo do acordeón,… Con eles relata a orixe da paixón de Sabela pola música nunha aventura de 60 minutos que saben a pouco.

Unha actividade para nen@s de 4 a 12 anos

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (30 prazas)

Mañá, venres 28, ás 18:00 h. na Ludoteca



miércoles, 26 de marzo de 2014

"Piso compartido" - Teatro de las Quimbambas


"Piso compartido" son dúas pezas breves de teatro que, sen ter relación entre sí, desenvólvense en sendos pisos compartidos. Nun deles viven dúas compañeiras novas e aloucadas; no outro, dous compañeiros maduros e tal vez namorados. Unha obra en galego e a outra en castelán. Dous pisos sen relanzo unidos polo teatro.

Con Chus Álvarez, Simón Iglesias y María Verdía

O próximo venres 28, ás 18:00 h. no Salón de Actos

Acceso libre


As crónicas do Club de Lectura (XVI)

Nestas crónicas do club, vimos contar as propostas que nos fai Rubén, o noso coordinador, e que logo nós (os participantes, os lectores, os membros) levamos adiante.

Dígoo deste xeito porque a “obligatoriedade” da lectura suxerida, non vai máis aló de cada un. Sabedes, os que nos seguides, que non todas as obras son de total agrado e que na maioría dos casos, sempre haberá alguén a quen non lle gustou o menú. De forma que non existe o tabú de dicir (sobre o título que sexa) “non me gustou” porque o club conformámolo un grupo moi heteroxéneo de persoas e lóxicamente, a variedade de gustos é moi plural. E o enfoque de lectura, porque non todos lemos para o mesmo, nin na mesma situación persoal, nin sequera parece que esteamos a ler, ás veces, a mesma obra

Fago, neste momento, o matiz para que ninguén se sinta defraudado con estas crónicas que na biblioteca tiveron a ben permitirme publicar. Son membro do club de lectura e veño contar aquí o que aló pasa. Non a facer unha crítica da obra, senón a acercar o que nós lemos, a outra xente que estea interesada en saber, qué facemos, qué sensacións despertou en nós a obra, ou simplemente, a obter unha suxerencia de lectura.

Esto sería algo así como o burato polo cal, a actividade do club de lectura, sae á luz. Así as cousas, fago constar que fóra dos datos, biográficos, cronolóxicos, etc. as apreciacións son totalmente persoais. É a miña mirada sobre o que lemos, pero tamén acerca do que acontece nas sesións do club. Presentamos o que lemos, facemos un somero acercamento ao autor ou autora e de cando en vez, contamos as interioridades das sesións: opinións, suxerencias colaterais, datos curiosos, anécdotas,… para que poidades coñecer como funciona un club de lectura.

A semana anterior soubéstedes que andamos con “Madame Bovary”. Así é coma Vargas Llosa relata a súa primeira lectura da obra:

“Compré el libro nada más llegar a París. Comencé a leerlo esa misma tarde, en un cuartito del hotel Wetter, en las inmediaciones del museo Cluny. Ahí empieza de verdad mi historia. Desde las primeras líneas el poder de persuasión del libro operó sobre mí de manera fulminante, como un hechizo poderosísimo. Hacía años que ninguna novela vampirizaba tan rápidamente mi atención, abolía así el contorno físico y me sumergía tan hondo en su materia. A medida que avanzaba la tarde, caía la noche, apuntaba el alba, era más efectivo el trasvasamiento mágico, la sustitución del mundo real por el ficticio”

Claro que non a todos nos enfeitiza por igual... ;)


martes, 25 de marzo de 2014

Conversas de autoaxuda - "Amor, Desamor, Sexo"


Esta semana comezamos unha nova actividade na Biblioteca, as conversas de autoaxuda.

Búscase crear na Biblioteca un grupo de debate (dende os marcos referenciais da psicoterapia) para informar e achegar coñecementos básicos sobre a autoaxuda, fomentando a colaboración activa e facilitando o apoio a todo tipo de participantes para que aprendan a recoñecer as súas dificultades, manexalas e superalas.

Contaremos có apoio dos psicopterapeutas Ana Castro Diz, Antonio Mouriz Pedraza e Pedro Díaz Belinchón.

Se vos apetece participar, achegádevos este venres 28, ata á Sala multiusos, ás 19:00 h.


Novidades no fondo de adultos: Non-Ficción


Queres aprender xaponés? Saber como retocar con estilo as túas fotos? Ou coñecer a verdadeira historia detrás de "El lobo de Wall Street"? Pois non o dubídes e achégate a nosa sección de novidades da Biblioteca. Preme na imaxe superior para consultar o boletín completo ou nas portadas para ver os rexistros do noso catálogo.















Unha pequena homenaxe


Na Biblioteca reunimos unha selección de obras sobre Adolfo Suárez e a época considerada como un dos capítulos máis brillantes da nosa historia recente, da que él foi figura principal: a Transición. Dende aquí, a nosa pequena e humilde homenaxe.















lunes, 24 de marzo de 2014

Mesa de conversa en inglés


Mañá, martes 25, temos unha nova Mesa de conversa en inglés

Vide compartir un rato agradable cos nosos coordinadores angloparlantes, Bárbara e Patrick.

Esperámosvos ás 18:30 no Salón de Actos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Café filosófico


Mañá, martes 25, temos unha nova reunión do noso Café Filósofico, onde abordaremos un novo tema: O propósito da vida humana

Xa sabedes que as únicas normas son o respecto e a tolerancia: respecto ás quendas de palabra de cada asistente e a súa persoa e tolerancia respecto das opinions de cada un.

A reunión terá lugar na Sala multiusos, ás 18:00 h., e durará entre dúas e tres horas.

Animádevos e vide a filosofar!


viernes, 21 de marzo de 2014

Mesa de conversa en portugués


Mañá temos unha nova Mesa de conversa en portugués

Un espazo no que practicar o teu portugués, coordinado polo voluntario cultural Xavier García.

Esperámosvos mañá, sábado 22, ás 11:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Na sala de audiovisuais... El gran Gatsby

O director de "Moulin Rouge" crea un novo e fastoso espectáculo audiovisual en 3D ambientado nos glamurosos anos 20, baseado na magnífica novela de F. Scott Fitzgerald e protagonizado por unha boa repartición encabezada por Leonardo DiCaprio.

"El gran Gatsby" cóntanos a historia dun aspirante a escritor, Nick Carraway, que deixa o medio oeste e chega a Nova York na primavera de 1922, unha época de relaxamento moral, cegador jazz, reis do contrabando e na que a bolsa sobe como a escuma. Nick, que busca a súa propia versión do sono americano, ten como veciño a un misterioso millonario que dá moitas festas, Jay Gatsby, e ao outro lado da baía están a súa prima Daisy e o mullereiro marido de sangue azul desta, Tom Buchanan. Así é como Nick se verá inmerso no mundo cativador dos grandes millonarios, as súas ilusións, amores e enganos.


Podes atopala na sala de audiovisuais có rótulo: DRAMA GRA novedades


(fuente: LaButaca)

jueves, 20 de marzo de 2014

Tour de Pequenos Editores


Hai uns días tivemos a sorte de poder asistir a este "Tour Pequeños Editores - Primavera 2014", onde as editoriais A buen paso, Ekaré e Thule contáronnos en que consisten os seus proxectos editoriais. Un encontro a mar de divertido no que gozamos moito, e agradecemos moito a estas tres editoriais que fixeran un oco na súa axenda para achegarse a Lugo.

Entre os seus moitos libros editados, a sala infantil da Biblioteca xa conta con varios deles, e estamos a revisar o noso catálogo para engadir novidades. Así que se vos apetece descubrir as "grandes obras" destes "pequenos editores", no centro de interese "Puntuación: 5 estrelas" podedes encontrar unha selección. Aquí podedes ver algúns dos títulos dispoñibles, aínda que se chegades e non están, é porque alguén se vos adiantou!






Mañá na Biblioteca...


Temos a sesión de narración "Grisela".

Imaxes coloristas para esta sinxela fábula que trata sobre a importancia de ser un mesmo.

Unha actividade para nen@s de 3 a 10 anos

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (30 prazas)

Mañá, venres 21, ás 18:00 h. na Ludoteca



miércoles, 19 de marzo de 2014

As crónicas do Club de Lectura (XV)

Como non todo ía ser novidade ou novela moderna e contemporánea, esta semana chega ao club de lectura un clásico entre os clásicos: “Madame Bovary” de Flaubert. Na súa tradución ao galego de Antonio Pichel, editado por Galaxia. Falar dun libro coma este que é coñecido xa por moitos lectores, é complicado, pero por se alguén aínda non se animou a achegarse a el, faremos unha breve sinopse.

Madame Bovary narra a oscura traxedia de Emma Bovary, unha muller infelizmente casada, que ten uns soños chocantes ca realidade que lle toca vivir. Filla dun granxeiro humilde de Berteaux, Emma Rovault é educada nun convento de monxas e logo casa con Carlos Bovary. Non entanto, pronto chega a sentirse enferma e desencantada, de xeito que ámbolos dous, mudan de residencia ca intención de cambiar de aires. Alí, nun baile, Emma Bovary namórase de León Dupuis con quen mantén unha relación platónica. Será este o punto de inflexión da súa vida, cando comeza a crer que existen outras posibilidades, fóra dos convencionalismos que a rodean.

Considerada como unha das mellores novelas de tódolos tempos, a novela de Flaubert foi censurada repetidamente en Francia tanto polas súas connotacións sexuais, como morais. A través da protagonista feminina, o autor rompe con todos os formalismos da burguesía do século XIX., presentando a unha muller rebelde e pouco resignada co destino que lle toca vivir, xa que ela actúa seguindo a pasión e a necesidade que sinte o seu corazón de avanzar na procura da felicidade, rompendo ca idea de muller sometida. Tanto é así, que hoxe en día está extendido o termo “bovarismo” para referirse ao cambio no prototipo de muller idealizada que difundiu o romanticismo.

Flaubert
Concebida en tres partes, Flaubert, ademáis amosa o seu punto de vista da sociedade de alto rango na Francia daquela época, sendo crítico co momento que lle tocou vivir. “Madame Bovary” podería clasificarse dentro da línea realista que cultiva o autor francés, aínda que conserva certos rasgos do romanticismo presente nalgunhas das súas outras obras coma “Salambó”, por exemplo.

Na Biblioteca tedes dispoñibles varios exemplares da novela, como o xa mencionado, baixo a sinatura G-N FLA mad; pero tamén diferentes edicións en castelán, das que nos gustaría salientar a traducida por Carmen Martín Gaite e prologada por Luis Mateo Díez en 1999 (N FLA mad), ou a edición de Edaf que presenta ilustracións de Serny (Depósito 26541).

Se ledes connosco, contádeo nos comentarios. É un pracer lervos tamén :)


martes, 18 de marzo de 2014

Novidades no fondo de adultos: Ficción


Estades a buscar un novo libro? Non coñecedes as últimas novidades do mercado? Pois aquí traémosvos de novo as novidades de ficción. Botádelle un ollo ao noso boletín que seguro que encontrades algo do voso agrado. Premede na imaxe superior para consultar o boletín completo ou nas portadas para ver os rexistros do noso catálogo.