viernes, 31 de enero de 2014

París, de Edward Rutherfurd

Edward Rutherfurd marabillou a millóns de lectores coas súas historias arrebatadoras sobre xeracións distintas de habitantes de cidades míticas. Nesta ocasión escolleu a máis magnífica de todas: París.

París desenvólvese a través das historias de paixóns, lealdades divididas e segredos gardados durante anos de personaxes tanto ficticios como reais, co escenario desta gloriosa cidade como fondo.


Da construción de Notre Dame ás perigosas maquinacións do cardeal Richelieu; da resplandecente corte de Versalles á violencia da Revolución francesa e as comunas parisienses; do hedonismo da Belle Époque, cando o movemento impresionista alcanza o seu cénit, á traxedia que supuxo a Primeira Guerra Mundial; dos escritores da Xeración Perdida dos anos 1920 aos que se podía encontrar bebendo en Les Deux Magots á ocupación nazi, os loitadores da Resistencia e a revolta estudantil de maio de 1968... Un mosaico impresionante, sensual, arrebatador.

Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N RUT par novidades


jueves, 30 de enero de 2014

Mañá na Biblioteca...


Temos o contacontos "Zoo"

Onde os animais son fíos condutores e a palabra, a maga que da vida as verbas.

Unha actividade para nen@s de 4 a 12 anos

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (30 prazas)

Mañá, venres 31, ás 18:00 h. na Ludoteca



miércoles, 29 de enero de 2014

A cita da semana


As crónicas do Club de Lectura (VIII)

Esta semana no Club de lectura estamos a ler unha novela sobre a guerra, cunha visión moi particular sobre o conflicto dos Balcáns: “Cómo el soldado repara el gramófono” de Sasa Stanisic.

O autor nace en Bosnia (de nai bosnia e pai serbio) nun pobo chamado Visegrado e consegue fuxir ca súa familia a Alemaña cando estala a guerra no 1992.

Máis adiante, seus pais emigran a América, pero él queda no país xermano rematando os seus estudos e escribindo esta novela que parece unha catarse do vivido na primeira xuventude. E faino na que será lingua propia: o alemán.

O narrador desta historia é Aleksandar, un neno de 12 anos, que vive nunha pequena cidade bosnia e que nun primeiro acercamento, da a coñecer o seu entorno, os veciños e as características da súa vida cotiá…ata que chega a guerra; entón trastoca todo o inocente daquela vida común e corrente e aparecen as fuxidas, as mortes, desaparicións e o medo o impregna todo.

Baseada, sen dúbida, na experiencia do autor, a novela resulta ser un fresco conmovedor da guerra, pintado dende os ollos dun neno e que non deixa de ser a mesma guerra en todas as partes, a mesma dor, as mesmas mortes, as mesmas separacións.

Segundo o propio autor "un non regresa, é dicir, non regresa a un punto xeográfico, a un lugar emocional, pero regresas a un lugar familiar. Ao regresar só ves pérdida, ves cos ollos de alguén que tivo que marchar, que foi forzado. Non se pode volver a esta cidade como un lugar cómodo. Non podo sentime ben nun lugar onde perdín tanto”.

Veremos as diferentes interpretacións que suscita esta proposta de Stanisic nos diferentes membros do club de lectura. Pero se queres ler canda nós, tes dipoñible a novela na biblioteca baixo a sinatura N STA com



martes, 28 de enero de 2014

Obradoiro de ilustración con Xosé Tomás


Aprende sobre o mundo da ilustración co recoñecido debuxante Xosé Tomás, gañador dos premios:

Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor álbum ilustrado 2010
Premio Fervenzas Literarias ao mellor ilustrador 2012
Premio Frei Martín Sarmiento á mellor obra infantil 2013

No obradoiro abordaremos todos estes temas:
• As partes do álbum ilustrado e o seu potencial comunicador (as gardas, o diálogo entre cuberta e contracuberta e os elementos paratextuais).
• O proceso de creación dun álbum ilustrado paso a paso.
• A estimulación da creatividade a través de microhistorias seguindo técnicas como o binomio fantástico (creamos historias visuais a partir de elementos aleatorios extraídos de caixas).
• A creación de personaxes (física e psicolóxica).
• A ilustración de microrrelatos, de poesía e de haikus.
• Os significados ocultos das liñas e a composición.
• Ilustración de textos arredor de Shaun Tan.

Unha actividade para nen@s de 6 a 12 anos

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (25prazas)

venres 31, de 18:30 a 20:30 h. na Sala multiusos






lunes, 27 de enero de 2014

Mesa de conversa en francés


Mañá temos unha nova Mesa de conversa en francés.

Dun xeito ameno e divertido, e para todos os niveis de francés, podédes participar nestas mesas de diálogo coordinadas polos nosos voluntarios, Bárbara e Patrick.

Esperámosvos mañá, martes 28, a partir das 12:30 na Sala multiusos

Animádevos a participar!



Novidades no fondo de adultos: Ficción

Comenzamos o ano cunhas cantas novidades en novela. Para todos aqueles que non recibíchedes un libro como regalo de Reis, vide pola Biblioteca que aquí temos para todos! Premede nas imaxes para ver os rexistros do noso catálogo.














Se queredes saber que máis podedes atopar na sección de novidades, 
premede aquí


viernes, 24 de enero de 2014

Cambios...



Mesa de conversa en portugués

Mañá temos unha nova Mesa de conversa en portugués

Un espazo no que practicar o teu portugués, coordinado polo voluntario cultural Xavier García.

Esperámosvos mañá, sábado 25, ás 11:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



jueves, 23 de enero de 2014

Mañá na Biblioteca...


Temos o contacontos "Ma-ma maxia" con Zampacontos

A partir do conto “Maxia!” de Charo Pita, a historia e a música guiarannos na procura do segredo que fai calmar a un bebé cando este chora. Os nenos e as nenas participarán nas accións musicais con xogos ritmicos e melodias sinxelas que axudarán ao protagonista a ir avanzando na intrépida busca da máxica receita. 

Unha vez rematado o conto faráse un obradoiro de debuxo sobre lactancia na sala multiusos.

Organiza Bico de Leite

Unha actividade para nen@s de 4 a 10 anos

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (30 prazas)

Mañá, venres 24, ás 18:00 h. na Ludoteca



miércoles, 22 de enero de 2014

As poesías gañadoras da Fase Local


Estas son as poesías gañadoras da fase Local do Certame de poesía "Nadal 2013". Desfrutade da súa lectura!


As crónicas do Club de Lectura (VII)

Como xa contamos na edición anterior das crónicas, no Club estamos ca lectura de “El castillo de cristal” de Jeannette Walls, unha novela de corte autobiográfico que narra a infancia da protagonista cunha visión retrospectiva.

O libro está cautivándonos a todos. Ben sexa porque chama poderosamente a atención o tipo de familia do que procede esta muller, ben porque non deixa de ser unha historia de autosuperación.

A obra, dividida en cinco partes, conta básicamente, a infancia de Jeannette Walls e os seus irmáns, no seo dunha familia atípica. Cuns pais que son incapaces de asumir as responsabilidades mínimas con respecto a súa descendencia, os fillos vense atrapados nun estilo de vida que lles obriga a afrontar papeis que aínda non lles corresponden.

Trátase dunha historia dura, pero que está contada desde os ollos xa maduros da xornalista e na que se emplea un ton benévolo que fai menos recia a lectura. De feito, é unha novela que debuxa moi ben aos personaxes e crea un clima moi satisfactorio de cára a atrapar ao lector. Walls fai que queramos saber máis.

Xa adiantamos no post da semana pasada que en Marzo estréase a versión cinematográfica desta novela, con Jennifer Lawrence no papel da protagonista. E cando un ten lido a novela, sempre espera que a película acade as expectativas, que sexa quen de poñer en imaxes todo aquello que imaginamos dun xeito determinado.

Para os lectores de pro, poucas adaptacións ao cine conseguen o obxectivo de igualar, sequera, as páxinas impresas; tal vez esta poida ser unha ocasión. Pero deberemos agardar...


martes, 21 de enero de 2014

Mesa de conversa en inglés


Mañá, mércores 22, temos unha nova Mesa de conversa en inglés

Vide compartir un rato agradable cos nosos coordinadores angloparlantes, Bárbara e Patrick.

Esperámosvos ás 18:30 no Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Las chicas de campo, de Edna O'Brien

Irlanda, anos 50. Lonxe da capital, Dublín, e no medio dunha verde paisaxe, bela pero esixente, a nova e aplicada Caithleen creceu chea de encanto grazas á sabedoría e humildade da súa nai; unha nai obrigada, polas duras condicións do campo, a ser forte en cada momento, a sobrepoñerse a toda desgracia. Pero algo vai suceder que transformará a vida de Caithleen. E nesa nova vida, a da única filla dunha familia vinda a menos, estará acompañada pola súa amiga da infancia Baba, pola sofisticada nai desta, polo peculiar Hickey... e por unha ducia de personaxes soberbiamente retratados que hoxe en día nos seguen parecendo moi vivos; e entrañables, como en toda vida que pague a pena rememorar.

Caithleen recorda para nós o seu pasado: unhas veces cheo de risas; outras, superando as bágoas. Recorda os ritos de paso que a levaron ata a madureza: os días de internado, o descubrimento do amor, a necesidade de aventuras e independencia e, á fin, a gran cidade, coas súas brillantes promesas de futuro.

Estamos, sen dúbida, ante unha extraordinaria novela, iluminada tanto polo humor coma por unha doce melancolía; un relato repleto, ademais, desa poderosa forza que tan só concede a xuventude. Unicamente El home tranquilo, de John Ford, ofrece paisaxes e momentos como esta obra cumio da literatura irlandesa do século XX.


Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N OBR chi novidades vida cotiá



lunes, 20 de enero de 2014

Café filosófico


Mañá temos unha nova reunión do noso Café Filósofico, onde abordaremos un novo tema: a autoestima

Xa sabedes que as únicas normas son o respecto e a tolerancia: respecto ás quendas de palabra de cada asistente e a súa persoa e tolerancia respecto das opinions de cada un.

A reunión terá lugar na Sala multiusos, ás 18:00 h., e durará entre dúas e tres horas.

Animádevos e vide a filosofar!


viernes, 17 de enero de 2014

Mesa de conversa en portugués

Mañá temos unha nova Mesa de conversa en portugués

Un espazo no que practicar o teu portugués, coordinado polo voluntario cultural Xavier García.

Esperámosvos mañá, sábado 18, ás 11:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



A cita da semana

jueves, 16 de enero de 2014

Xa temos aos gañadores...


...da Fase Local do Certame de Poesía "Nadal 2013". Aquí tedes os nomes dos nen@s gañadores nas diferentes categorías:

Categoría B (de 9 a 11 anos)

1º premio - Adela Hervés García

2º premio - Miguel Silva Rodríguez

3º premio - María Villamor Yáñez


Categoría C (de 12 a 16 anos)

1º premio - Marina Isabel Riesco Amurrio

Noraboa a todos!!


Mañá na Biblioteca...


Temos o contacontos "O cestiño dos contos" con Fátima Fernández

Nos cestos levan ao mercado ovos, froitas, verduras... pero o meu cesto é especial, está cheo de contos! Ven e ábreo comigo... Oooooh!!

Unha actividade para nen@s de 4 a 12 anos

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (30 prazas)

Mañá, venres 17, ás 18:00 h. na Ludoteca



miércoles, 15 de enero de 2014

As crónicas do Club de Lectura (VI)

Ás veces, cando temos máis ocasións para a lectura, é cando menos tempo lle adicamos. Dicimos que o día non chega a nada e poñemos todo tipo de excusas. Pero cando tes na mesiña de noite algo que te ten atrapada, non podes poñer desculpas…hai que avanzar por esas páxinas, hai que saber cómo segue, qué pasa.

Como xa teño dito, comentar o que les é un dos maiores praceres, por iso imos a un club de lectura. Retomamos a actividade no club de lectura da biblioteca. A proposta: “El castillo de cristal” de Jeannette Walls.

A obra conta a historia da familia Walls, unha novela autobiográfica polo tanto, e cómo os catro irmáns aprenden a coidarse e protexerse uns aos outros, tendo un pai alcohólico e unha nai que non e quen de asumir a responsabilidade de criar a seus fillos. Uns nenos que consiguen crecer a pesar dos seus pais.

Jeannette Walls é unha xornalista norteamericana, nada no 1960 que acadou un éxito importante con esta obra, non só nos EUA (onde estivo máis de 200 semanas entre os máis vendidos, segundo a lista do New York Times), senón nos máis de vinte paises onde viu a luz. Ten publicado ademáis, no noso país “Caballos salvajes”, obra que bebe tamén da súa propia vida, xa que conta a vida da súa avoa.

É esta unha lectura que faremos en varias sesións e parece escollida moi oportunamente, dado que para marzo deste mesmo ano prevese o estreno da película que levará o mesmo título. Trátase dunha adaptación da novela, feita por Marti Noxon que será protagonizada por Jennifer Lawrence (“Los juegos del hambre”, “El lado bueno de las cosas”).

A versión cinematográfica de “El castillo de cristal” promete producir sensacións semellantes ás da novela. Haberá que velo.

Se vos apetece ler a obra canda nós, está dispoñible na biblioteca, baixo a sinatura B WAL vida cotiá


Lector precoz


martes, 14 de enero de 2014

Ajedrez para un detective novato, de Juan Soto

"As mulleres das que me namorei tiñan algo en común: o sentido do humor. Todas se rían de min."

Así comezan as memorias do protagonista desta novela, que transcorre nunha España corrupta, pobre e criminal, sospeitosamente parecida á nosa. Marcos Lapiedra, un detective mullereiro e afeccionado ao xadrez, elixe un escritor de novela policíaca como aprendiz e sucesor.

Ao longo da súa formación, o alumno enfrontarase a multitude de casos esperpénticos e verá como o mestre chega ao límite das súas forzas. Entón, terá que resolver en solitario o caso máis endemoñado: deter un estrangulador de mulleres que pasea polo barrio dos prostíbulos.

Premio de Novela Ateneo Joven de Sevilla 2013

Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N SOT aje novidades intriga e misterio



lunes, 13 de enero de 2014

Mesa de conversa en francés


Mañá temos unha nova Mesa de conversa en francés.

Dun xeito ameno e divertido, e para todos os niveis de francés, podédes participar nestas mesas de diálogo coordinadas polos nosos voluntarios, Bárbara e Patrick.

Esperámosvos mañá, martes 14, a partir das 12:30 na Sala multiusos

Animádevos a participar!



viernes, 10 de enero de 2014

Mesa de conversa en portugués

Mañá temos unha nova Mesa de conversa en portugués

Un espazo no que practicar o teu portugués, coordinado polo voluntario cultural Xavier García.

Esperámosvos mañá, sábado 11, ás 11:00 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



Día do Usuario


Mañá, sábado 11, celebramos o Día do Usuario na Biblioteca, uníndonos ás actividades  conmemorativas previstas nas bibliotecas públicas da Xunta de Galicia.

Nomearemos aos nosos "Socios de Honra", que serán aqueles 3 usuarios infantís e 3 usuarios adultos con máis préstamos durante o ano 2013, os nosos “Superlectores”!!

Ao longo deste ano, estes “Superlectores” poderán retirar en préstamo un maior número de obras:
Socio de Honra Adulto
Ata 25 exemplares para escoller entre 10 libros prestables de adultos, 10 libros prestables infantís, 6 materiais especiais (música, películas, xogos de ordenador e de videoconsola) e 4 publicacións periódicas prestables.

Socio de Honra Infantil
Ata 20 exemplares para escoller entre 10 libros prestables infantís, 6 materiais especiais e 4 publicacións periódicas prestables.

A condición de Socio de Honra terá unha duración dun ano, ata o vindeiro Día do Usuario o 11 de Xaneiro de 2015.


Ademáis, durante este día todos os usuarios que vos acerquedes pola Biblioteca poderedes levar máis préstamos dos habituais:

Adultos
Ata 15 obras en total para escoller entre 10 libros prestables de adultos, 10 libros prestables infantís, 6 materiais especiais e 4 publicacións periódicas prestables.

Infantil
ata 15 obras en total para escoller entre10 libros prestables infantís, 6 materiais especiais e 4 publicacións periódicas prestables.

E ademáis todos os usuarios poderán solicitar ese día 2 obras en préstamo intrabibliotecario.

Tamén teremos unha visita guiada ás 12:30, aberta a todo o público que se achegue, onde poderedes coñecer "as tripas" da Biblioteca ;)

E algunha que outra sorpresiña en forma de marcapáxinas e pegatinas. Agardamos a vosa visita de 10:00 a 14:00 h.!

jueves, 9 de enero de 2014

Operación Dulce, de Ian McEwan

Inglaterra, 1972. En plena Guerra Fría a nova estudante Serena Frome é recrutada en Cambridge polo MI5. A súa misión: crear unha fundación para axudar a novelistas prometedores, pero cuxa verdadeira finalidade é xerar propaganda anticomunista.

E na súa vida dominada polo engano entra Tom Healy, novo escritor do que acabará namorándose. Ata que chega o momento en que ten que decidir se seguir coa súa mentira ou contarlle a verdade...

Esta cegadora narración atrapa e sorprende o lector con sucesivas voltas de rosca nas que realidade e ficción fonden e confunden. Con extraordinaria sutileza psicolóxica, unha trama trepidante e momentos de fina ironía, Ian McEwan demostra unha vez máis que é un mestre consumado da arte da novela.

Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N MCE ope novidades intriga e misterio



Mañá na Biblioteca...


Temos o obradoiro "O meu pequeno xardín" con Cucarandainas

Elaboración dun pequeno xardín con diferentes materiais de reciclaxe.
Os nenos/as daranse conta que a creatividade pode empregar calquera tipo de material.

Unha actividade para nen@s de 4 a 12 anos

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (20 prazas)

Mañá, venres 10, ás 18:00 h. na Sala multiusos



miércoles, 8 de enero de 2014

A cita da semana



Mesa de conversa en inglés


Hoxe temos unha nova Mesa de conversa en inglés

Vide compartir un rato agradable cos nosos coordinadores angloparlantes, Bárbara e Patrick.

Esperámosvos ás 18:30 na Sala multiusos da Biblioteca.

Animádevos a participar!



martes, 7 de enero de 2014

Ven coller un libro!

Hoxe haberá unha liberación Bookcrossing na biblioteca, o que quere dicir que podédes atopar libros libres para levar a casa, lelos e logo contalo na web www.bookcrossing.com


Trátase dunha iniciativa que comezou nos EE.UU. e que pretende que os libros non vivan unha soa vida, senón que poidan ser compartidos e lidos por varios lectores a medida que viaxan e pasan por diversas mans. Sendo posible un seguimento dos libros grazas a un código de identificación que leva cada exemplar.

Todo pode comezar, por exemplo, cando revisando os andeis da casa, daste conta de que tes un montón de libros que non volverás ler e non te interesa conservalos. Entón Bookcrossing convértese nunha saída: rexistras os libros na web, lle pos o BCID (número de identificación do libro) e libéralo onde creas máis interesante: nun banco da rúa, nunha cafetaría,…ou nunha zona oficial coma a que temos na biblioteca. Un lugar específico no que a xente pode coller ou deixar libros para que outros os lean.

Se a persoa que o colle, amosa un pouco de interese, entrará na web e poderá escribir no diario de viaxe do libro, contando que o ten, onde o atopou, ou que lle pareceu a súa lectura.

Recoñecer os libros Bookcrossing é fácil porque soen levar unha etiqueta como esta, ou ben algún tipo de inscripción que indique que se trata dun libro libre. 


Por suposto, o movemento é totalmente libre e de balde, e posibilita non só compartir os vosos libros, senón tamén impresións sobre lecturas con outras persoas e coñecer a outros bookcro
ssers non encontros que se realizan na maioría das cidades (en Lugo, os terceiros mércores de mes na cafetería La casa azul) ou a través dos foros das plataformas de Internet como www.bookcrossing-spain.org

Calquera pode liberar un libro Bookcrossing poñéndolle a etiqueta da que falabamos antes, pero de cando en vez, tamén facemos o que se chaman liberacións masivas, coma a de hoxe, na que soltamos un número importante de libros. Entrade en www.bookcrossing.com e poderedes coñecer moitas máis cousas relacionadas con este movemento e unirvos cando queirades. E se vos interesa contactar co grupo de Lugo, podedes facelo neste enderezo electrónico: lugolibroslibres@hotmail.com


Novos cursos de informática

Comezamos o ano con novos cursos de informática que esperamos que sexan do voso interese. 

O primeiro deles é o curso "Ocio na Internet", onde poderédes aprender a comprar un billete de avión, reserva unha habitación de hotel ou facer compras por internet. Porque sabemos que as veces non é nada doado...

Terá lugar os días 13 e 15 de xaneiro, de 11:00 a 12:00 h. na Sala multiusos


E o segundo é o curso "Windows 7", para aprender a manexar con soltura este sistema operativo. 

Estes son os contidos do curso:

1. Descrición, elementos e configuración da Interface dun sistema operativo gráfico.


2. Xestionar arquivos e carpetas: crear e gardar, eliminar, renomear, copias e mover. Organización de arquivos e carpetas nunha unidade de almacenamento.


3. Aplicacións e ferramentas dun sistema operativo. O panel de control.


4. Navegar por internet. Busca de información na web. Enviar e recibir correos electrónicos.

Terá lugar os días 13, 15, 20, 22, 27 y 29 de xaneiro (luns e mércores), de 16:30 a 18:20 h. na Sala multiusos da Biblioteca.

Para inscribirse en calquera dos dous cursos é necesario ser socio da biblioteca e cada un ten unha cota de 10 prazas.

Agardamos que desfrutedes e aprendades moito ;)