jueves, 11 de diciembre de 2014

As crónicas do Club de Lectura (XXXI)

Marguerite Yourcenar e o seu título “Memorias de Adriano” son a nosa próxima lectura no club de lectura.

Trátase, posiblemente, do exemplo máis representativo do coñecido subxénero da novela histórica denominado falsas memorias. É a obra máis popular da escritora francesa (1903-1987) e nela trasládanos ao século II, no Imperio Romano, baixo o mandato do emperador Adriano.

A obra é unha recreación ficticia das memorias que o emperador redacta á súa morte para o seu neto e sucesor, contadas en primeira persoa en forma de carta.

“Comenzada para informarte de los progresos de mi mal, esta carta se ha convertido en el esparcimiento de un hombre que ya no tiene la energía necesaria para ocuparse en detalle de los negocios del Estado, meditación escrita de un enfermo que da audiencia a sus recuerdos. Ahora me propongo más: tengo intención de contarte mi vida.”

Ao longo das páxinas, o narrador vai analizando a súa biografía, experiencias, impresións e opinións sobre as personalidades coas que convive; ademais de tratar gran variedade de temas como a arte, a guerra, as mulleres, a xustiza… Adriano preséntasenos coma un ser todopoderoso, pero tamén son visibles as liñas máis humanas do personaxe: pudiendo ser contradictorio e amosando matices de vinganza cando precisa deles para acadar os seus obxectivos.

“Quería el poder. Lo quería para imponer mis planes, ensayar mis remedios, restaurar la paz. Sobre todo lo quería para ser yo mismo antes de morir.”

Non se trata do Adriano histórico, senón do personaxe creado por Yourcenar á marxe de Roma e os romanos. A ambigüidade mental do emperador, os seus rencores e as violentas reaccións, que o amosan incapaz de deter a disolución do mundo no que vive, están maxistralmente captadas aínda que presenta moitas inexactitudes. Resulta curioso, porén, que a fonte principal da que bebe a autora fose a Historia Augusta que merece moi pouca fe histórica.

Parece unha obra ideal para reflexionar sobre o pouco que temos avanzado nestos dous mil anos de historia, xa que os conflictos e os temores que se presentan permanecen hoxe.

Un dos aspectos que máis salientan todas as críticas é a súa calidade literaria; cunha linguaxe culta e unha prosa ben rica en matices, cargada de lirismo para conseguir impregnar á obra dunha profundidade densa e complexa.

Estas “Memorias de Adriano” son a obra de toda unha vida. De feito, Yourcenar adicou casi toda a súa pensándoa. Máis de trinta anos investigando, viaxando e lendo textos latinos. Un gran esforzo que se viu compensado no resultado final: unha magnífica novela histórica con grandes dosis de ficción.


No hay comentarios: