miércoles, 19 de noviembre de 2014

As crónicas do Club de Lectura (XXVIII)

Non sempre lemos novelas no club de lectura, de xeito que probaren outros xéneros é importante e tamén entretido. Neste caso, R propón “Diario del año de la peste” de Daniel Defoe.

E dicimos que non é unha novela porque o libro está considerado crónica, pese a non ser a intención do autor facer unha reportaxe xornalística.

Trátase dun repaso pormenorizado onde aparecen os primeiros casos da doenza en parroquias cercanas a Londres, listados de enterramentos e bandos nos que se nomean especialistas médicos e se dan a coñecer medidas para tentar frear a rápida extensión da morte.

No formal, polo tanto, non podemos falar dunha novela xa que logo non existen personaxes –agás nunha pequena “historia”- , non existe concreción de datos e, ás veces, o autor retorna a puntos que non deixan de ser unha mera sucesión de anécdotas sen orde preestablecida. Porén, resulta curioso o feito de que Defoe se apropie como testemuña duns feitos reais, cos que efectivamente conviviu, pero con só catro anos de idade.

Mais aínda así a historia funciona porque basease na experiencia, desprende verosimilitude e porque o ensaio constrúese sobre recordos, lecturas, documentos oficiais e conversas mantidas cos supervivintes: familias que abandonan as súas pertenzas, casas pechadas e rúas baleiras por falta de habitantes ou pola terrible mortandade.

O valor da obra chega a través desa verdade e a partir de aí, é o lector o que ten que decidir: se emprega este falso diario como unha fiestra cara a un tempo e un espazo esgotado facendo honra aos datos aportados polo autor; ou ben, decide tomalo como unha crónica cargada de conformismo que asume o castigo imposto.

“Diario del año de la peste” fala de 1664, o ano da grande peste, da morte negra. Asumida entón como unha desgraza enviada como castigo e contra o que poucos e podía facer.

Sobre o autor, comentar que Daniel Defoe é un escritor inglés de vida fascinante, como tantos. Nado en 1660 tivo unha educación desordenada e gañou a vida con diferentes actividades sen éxito. Estivo condeado á exposición na picota por un panfleto político, xa que pasou dun bando político ao outro, actuando coma espía. En 1719 publica “Robinson Crusoe”, que lle outorga fama inmediata, ó igual que “Moll Flanders”. Morre en 1713, vivindo na clandestinidade e fuxindo das súas débedas.


No hay comentarios: