miércoles, 12 de noviembre de 2014

As crónicas do Club de Lectura (XXVIII)


¿Alguén lembra as películas de Fred Astaire e Ginger Rogers? Pois nesa época andamos mergullados na lectura de “La tía Mame”, de Patrick Dennis, novela proposta por R para ler en dúas tandas.

Como xa dixemos a semana pasada, o personaxe da tía Mame é o dunha dona extravagante, rica, culta... que pasa por ser encantadora aos ollos dos demais, pero que o seu sobriño Patrick ten que “aturar”. Aínda que no club hai quen di, coma Minda: “Quero ter unha tía Mame”.

A tía Mame, vive nunha burbulla snob e aínda que o crack do 29 fará estragos nas súas finanzas, o seu espírito loitador e optimista alzarase por riba de todo. Patrick, pola súa conta, non ten ningún problema xa que os seus gastos están garantidos pola eficiente xestión da Trust Company. Deste xeito vemos cómo a novela reflicte o ambiente acomodado da burguesía de Manhattan e dos colexios caros de gran categoría.

Así as cousas, a obra aparece dividida en once capítulos e neles asistimos á vida e miragres da tía Mame. Dende crear disparatados negocios que rematan na ruína, pasando polo mundo do teatro e das letras, ata unha excéntrica voda co sureño Bean. Todo contado cun humor que en moitos momentos chega a ser hilarante.

En palabras dos integrantes do club: “podería facerse una sitcom ao estilo Dick Van Dyke” (recoñecido actor de cine e televisión norteamericana que participa, entre outras, en películas como “Mary Poppins” ou “Chitty Chitty Bang Bang” ), opina Iago.

Pero todos sabemos que hai moitos xeitos de contar a realidade cando queremos facer unha crítica sobre ela, ou sobre unha parte (como é o caso, no relativo a alta sociedade): pódese facer escribindo “pestes” contra esa parte da sociedade e a súa maneira de interpretar a vida; ou ben, pódese aplicar o humor, sen deixar de “poñelos verdes”. Deste modo conseguese que os lector@s pasen un rato agradable e divertido, que é, ao cabo, o que fai Patrick Dennis.

A novela é unha crítica severa desa sociedade representada polos ricos norteamericanos, e tamén dalgunhas actitudes que ás veces poden pasar por altruístas. E dende o punto de vista d@ lector/a pode dala sensación, como indica Meri, de ser “moi tópica”. Se acaso o autor emprega eses tópicos para remarcar a crítica, en determinados momentos.

O autor, Patrick Dennis, naceu en Illinois en maio de 1921 e cuxo pai alcumou Pat na honra do boxeador irlandés Pat Sweeney, do que era verdadeiro admirador. Durante a Segunda Guerra Mundial serviu como condutor de ambulancias en África e Oriente Medio e en 1948 casou con Louise Stickney ca que tivo dous fillos. Viviu unha vida moi controvertida xa que pasou de ser un pai convencional a ser un personaxe moi coñecido nos círculos gays neoiorquinos nos últimos anos da súa existencia.


No hay comentarios: