martes, 4 de noviembre de 2014

As crónicas do Club de Lectura (XXVII)

Comezamos fai unhas semanas outra volta do club de lectura da biblioteca, e para os que aínda non probásedes nunca a experiencia, queremos contarvos dende aquí que é o que facemos e cómo o facemos.

Somos un grupo dunhas vinte persoas que se reúnen tódolos xoves pola tarde na sala multiusos da biblioteca para comentar un libro previamente establecido. R (o noso coordinador e moderador) traballa cunha lista de libros dispoñibles, e cada semana ofréceo para a súa lectura. A súa labor non é sinxela posto que o grupo é (somos) un conxunto de xente “propensos” ao debate. Deste xeito as sesións do club nunca están exentas de discusións, conversas e intercambio de opinións, nas que R ten que intervir frecuentemente para moderar.

La tía Mame - N DEN tia
No tocante aos integrantes do club, trátase dun grupo variado en idades, sexos e intereses. Este último aspecto fai crecer ao grupo, xa que un dos puntos fundamentais dun club de lectura consiste en aprender a escoitar opinións contrarias e aceptalas (sendo todas posibles nunha boa lectura). Ademais é un dos eidos máis enriquecedores, xa que serve ao lector ou lectora para observar perspectivas nas que non reparara e que con seguridade axudan a complementar calquera lectura solitaria.

Ás veces, o libro proposto non se le nunha semana, de maneira que R divide a súa lectura. É o caso que nos ocupa esta vez: “La tía Mame”, de Patrick Dennis, do que leremos na rolda inicial as 162 primeiras páxinas.

Este texto foi editado en 1955 e acadou entón un éxito inmediato (e iso que o autor tivo que presentar a obra a dezanove editores, antes de que alguén se decidise a apostar por él).

A historia transcorre nos anos vinte do s.XX, cando o crack económico está a afectar a sociedade americana. Nese momento comeza a trama desta novela contada por un pequeno orfo de pai: o sobriño da tía Mame, Patrick. O seu pai fixera un ano antes de morrer un testamento no que lle deixaba toda a súa fortuna, e nomeaba como coidadora a súa irmá. Pero a tía Mame vive no mundo snob da high society neoiorquina no que terá que encaixar a nova vida da que se ten que facer cargo.

Patrick Dennis
Ela é unha dona elegante, estrafalaria, rica, culta e caprichosa, seica encantadora coma tía pero de seren a nosa nai posiblemente botaríamos a correr. De feito, cando en 1958 Truman Capote publica “Breakfast at Tiffany’s” comenta que Holly Goglightly, o personaxe de ficción protagonista da obra, é unha mistura de Lolita e Auntie Mame (a nosa tía Mame).

Non sabemos cómo tomaremos o personaxe extravagante da tía Mame, así que vos emprazamos á vindeira edición destas “Crónicas do club” para contarvos as nosas impresións. Pero se acaso vos apetece ler connosco podédes atopar o libro na biblioteca coa sinatura N DEN tia, e se vos gusta, tamén está “La vuelta al mundo con la tía Mame”, que teredes que solicitar no mostrador xa que está no depósito coa sinatura 27644.


No hay comentarios: