miércoles, 29 de octubre de 2014

As crónicas do Club de Lectura (XXVI)

Palabra. 1. Unidade léxica con significado fixo. 2. Representación gráfica formada por unha letra ou grupo de letras. 3. Capacidade de expresar o pensamento por medio da linguaxe articulada. 4. Promesa de que unha cousa é verdade ou de que se vai facer o que se di. 5. Afirmación dunha persoa que non se basea nunha proba. 6. Dereito ou turno para falar nunha reunión ou asamblea. 7. Discurso oral ou escrito dunha persoa.

Disque así comeza cada un dos capítulos nos que está dividida a obra coa que arrincamos no club: "A praia dos afogados" de Domingo Villar. Cun concepto e as súas acepcións do diccionario. Un xeito que invita ao lector a facer conxeturas sobre o que atopará nas liñas contiguas.

Trátase dunha historia de intriga que nos leva dende a Galicia mariñeira, á paisaxe urbana e as tabernas da cidade de Vigo.

A novela parte do descubrimento dun cadáver dun mariñeiro, nunha praia da vila de Panxón. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que atopou a morte entre as ondas, mentres pescaba. E así, sen testemuñas, nin rastro da embarcación do finado, o inspector Leo Caldas, mergúllase no caso para tratar de clarexar o crime. Un caso difícil, que debe solucionar entre homes e mulleres que recean de contar o que saben, e que no momento de falar, apuntan nunha dirección insólita.


Polo de agora, a historia está a gustar entre @s participantes de club. Unha lectura que segundo Teresa por exemplo, “vai de menos a máis” e que como acontece con este tipo de policiais "estamos tod@s expectantes, a ver por dónde tira”. Aínda que algúns a len en castelán e outros en galego, parece que a idiosincrasia dos personaxes e a ambientación en xeral acadan unha maior intensidade na lingua na que propiamente foi escrita.

Ademais no club andamos moi interesad@s no anuncio da película que se fixo fai tempo, xa que completar a lectura co visionado da adaptación, sería un exercicio que nos encantaría facer.



Con respecto ao autor, podemos dicir que Domingo Villar (Vigo, 1971) vive en Madrid, onde traballou como guionista de cine e de televisión. Coa súa primeira novela “Ollos de auga” (2006) obtivo o premio Frei Martín Sarmiento (concedido por alumn@s de toda Galicia), a primeira novela protagonizada polo inspector Leo Caldas. Actualmente está a traballar na súa terceira obra, que escribe en galego ao mesmo tempo que traduce ao castelán.

Se queredes ler connosco podédes atopar o libro na Biblioteca tanto en galego (G-N VIL pla) coma en castelán (N VIL pla).


No hay comentarios: