miércoles, 4 de junio de 2014

As crónicas do Club de Lectura (XXV)

No que vai ser unha despedida, iniciamos este derradeiro post das crónicas do Club.

“Era una tarde calurosa y el vagón del tren también estaba caliente; la siguiente parada, Templecombe, estaba casi a una hora de distancia”

Así da comezo un dos relatos propostos nesta semana por Rubén, o noso coordinador, para ler na última sesión do club de lectura, "El cuentista" de Saki. Contos de autores todos eles moi coñecidos, para afondar nesa literatura breve que tantas veces pasa desapercibida.

Sempre fun unha asidua lectora de relatos, acudindo a eles en innumerables ocasións, seguramente porque as miñas oportunidades de ler teñen moito que ver con eses pequenos espazos de tempo que un lle rouba a outras actividades e deberes. E a elección de deixar este tipo de escrito para o final do club non me parece (se cadra estou nun erro) unha decisión ao chou. Penso que ten moito que ver con que cando chega este momento, facemos unha reunión moito máis distendida e falamos do lido, si, pero máis falamos de literatura.

Temos unha comulación de autores recoñecidos, como dixen, tal que Kafka, Philip K. Dick, o xa mencionado Saki, Akutagawa ou Ambrose Bierce, pero seica con total seguridade que non demoraremos moito na análise destes relatos… a derradeira sesión sempre é máis laxa. Tomamos o tempo como un intercambio de opinións, pareceres, pero tamén falamos de impresións causadas por outras lecturas, hábitos lectores, recomendacións e futuros plans sobre que levaremos para ler na praia, por exemplo.

Con seguridade moitos de nós repitamos, pero esperamos que vos animedes a participar tamén. Facendo comentarios no blog, falando das vosas lecturas, aportando novas propostas no eido da dinamización lectora ou simplemente seguíndonos…pero sempre contándoo. Porque relatar, sexa o que sexa, é un pracer dobre: para quen o conta e para quen o le ou escoita


No hay comentarios: