miércoles, 9 de abril de 2014

As crónicas do Club de Lectura (XVIII)

Ricardo Menéndez Salmón, autor contemporáneo da literatura española que manexa a linguaxe cunha habilidade suprema, describe unha foto que o inspira de quen el denomina "O Verbo" (na súa obra "La luz es más antigua que el amor") e dí:

"O Verbo ten un nome saxón, de rei conquistador, aínda que sexa pequeno de estatura. Non existe unha correspondencia, polo menos non para a imaxinación, entre o nome e o posesor. Porque o home, antes que un bardo atrabiliario ou un caudillo tonante, máis ben recorda a un cabaleiro español vido a menos.

O Verbo -digámolo dunha vez- chámase William, e veu ao mundo para escribir unha das obras maiores da literatura en lingua inglesa, que é tanto como dicir da literatura universal. (...)
Na fotografía de Van Vechten, Faulkner ten o pelo branco e o seu nariz destaca como eses narices de vello que acaban invadindo o rostro igual que un cancro. Hai certo fastío no seu xesto, coma se a comida lle tivese provocado acidez de estómago, leva un traxe que non lle senta de todo ben e un pano nada primorosamente pasado o ferro asoma do seu peto esquerdo. (...).

Advírtese que o escritor non está a gusto na pose (...) pero podemos dar fe de que esas mans mecanografaron algunhas das mellores páxinas da literatura, de todos os tempos. Porque ese home, o Verbo, William, é unha das encarnacións máis maxestosas do misterio que chamamos escritura, un dos seus demiúrgos máis poderosos, unha das súas potestades. Porque ese home, o Verbo, perdurará."

E nel confinámonos durante esta Semana Santa os membros do club. Á súa lectura, á inmersión en "Mientras agonizo". Quinta novela de William Faulkner que escribiu, segundo el mesmo explicaba, en seis frenéticas semanas, mentres traballaba como bombeiro e vixilante nocturno da central eléctrica da Universidade de Mississippi.

A obra relata a peripecia dunha familia de brancos pobres, que percorren o Sur de Estados Unidos co cadáver da nai e esposa, nun ataúde para enterrala nunha parcela da súa propiedade. Unha aventura na que se mesturan a desolación e o humor ácido e que está narrada a partir do monólogo interior, nas voces dos diversos personaxes.

Faulkner introduce nela os temas e as obsesións que se diseminan en toda a súa literatura: a culpa, o castigo que esta leva consigo, o peso opresivo do pasado e a decadencia do Sur.

Desta, realizouse en 2013 unha adaptación cinematográfica con idéntico título, dirixida por James Franco. Pero cunha eliminación case completa dos personaxes secundarios e transformando a estrutura narrativa en algo lineal; decisión que podería ter sentido, dada a complexidade do texto orixinal.

Se queredes lela, está dispoñible na biblioteca có rótulo N FAU mie.


No hay comentarios: