viernes, 7 de marzo de 2014

As crónicas do Club de Lectura (XIII)

Mañá, 8 de marzo, celébrase o Día da Muller e dende este apartado de crónicas, quereríamos facer un tributo á muller escritora, cun repaso somero de certas voces femininas que chaman a nosa atención. Algunhas son experiencias lectoras no marco do club, outras esperamos que o sexan. Todas elas podédelas atopar na biblioteca, con maior ou menor variedade de títulos dependendo da autora, pero disponibles dende xa.

Parece ser este un ano no que voces femininas xa coñecidas publican libro. Tal é o caso de Isabel Allende, quen toca esta vez un xénero como o thriller en "El juego de Ripper". Unha novela que mestura a investigación policial clásica con elementos modernos como a Internet e os xogos de rol (N ALL jue).

Outro exemplo podería ser "Billie" de Anna Gavalda, que retoma as súas afamadas historias de amor atípicas, para poñer esta vez coma protagonistas a dous “patitos feos” (N GAV bil)

En francés escribe unha das nosas autoras de referencia: Amelie Nothomb. Prosa de calidade, sempre sorprendente nos argumentos e moi subversiva. Nesta ocasión, o título escollido é "Barba azul", xa que decide xogar co conto de Perrault e ofrecer unha visión da historia dende a perspectiva dun nobre español. Na Biblioteca podédes atopar varias novelas súas, moi destacables pola ironía que destila a autora e a crudeza que desprenden. Son “Cosmética del enemigo” (N NOT cos) e “Diario de Golondrina”(N NOT dia) no que Nothomb encárnase, por primeira vez, nunha voz masculina.

No capítulo dos premios, faremos mención a dúas voces de muller: Elena Poniatowska e Carmen Amoraga. A primeira, premiada recentemente co Premio Cervantes, é escritora, activista e xornalista mexicana que ven de publicar “El universo o nada”, obra na que rememora a vida do seu esposo, a súa valía como científico (foi astrónomo) e o amor que sentía pola ciencia.

Amoraga, pola súa banda, resultou tamén premiada a principios de ano co Premio Nadal. “La vida era eso” (N AMO vid) conta a historia dunha muller que atopa nas redes sociais, un alivio para superar a morte do seu compañeiro.

Finalmente, queremos facer mención a unha autora alemana que reside dende fai tempo en España e que deu coa chave para converter as súas sagas familiares e históricas en éxitos de venta: Sarah Lark. A triloxía que reúne “En el país de la nube blanca”, “La canción de los maoríes” (N LAR can) y “El grito de la Tierra” narra as peripecias de dúas curmáns neozelandesas a principios do século XX.

Christiane Gohl (verdadeiro nome de Sarah Lark) sorrí cando observa a lista de países onde se publican as súas novelas (“Ata en China!”, afirma) cheas de laberintos pasionais e fazañas históricas e ao mesmo tempo, quéixase de que nin un só dos máis de cen libros que escribiu sobre cabalos en alemán, fora traducido a outro idioma.

Dende a biblioteca e o club de lectura, animámosvos a ler en feminino sempre, e en masculino; a ler superventas e autor@s menos coñecidos; a ler as nosas recomendacións e outras que seleccionedes vós…porque quen lee, vive máis, como dín por aí.


No hay comentarios: