miércoles, 19 de febrero de 2014

As crónicas do Club de Lectura (XI)

Unha semana máis atopámonos inmersos na lectura de “La mancha humana” de Philip Roth, tal e como xa contamos nas crónicas anteriores.

Seica non podemos facer un spoiler (descripción dunha parte importante da trama) a favor de quen a está a ler canda nós, polo que me parece unha boa ocasión para facer unha parada na literatura norteamericana de hoxe en día.

A maioría dos membros do club está encantado ca lectura desta novela de Roth. Aínda que plantexa unha historia, que a primeira vista podería ser un tanto rocambolesca, resulta ser un fresco interesante das características da sociedade americana. Como xa ocorrera con “Libertad” de Jonathan Franzen, parece que os autores dos EE.UU, conseguen cando menos, satisfacer as nosas demandas como lector@s. Por iso, non imos falar hoxe aquí de autores xa coñecidos por todos, como podería ser Auster ou Foster Wallace, senón que lle adicaremos este post, os denominados emerxentes.

A.H. Homes
Comezaremos a viaxe facendo parada en A.M Homes, unha autora que tira moito da súa propia experiencia e cultiva con eficacia o relato. Pouco coñecida en España, tedes dispoñible na biblioteca baixo a sinatura N HOM hij, a súa obra autobiográfica “La hija del amante”.

Outro exponente destacado na actual novela norteamericana, pero cunha traxectoria máis coñecida, é Jonathan Lethem (quen completa a tríada Franzen /Safran-Foer) un practicante da literatura lúdica que asume o posmodernismo sen parecerse a ninguén. Destacamos “Cuando Alice se subió a la mesa” (N LET cua) e “La fortaleza de la soledad” (N LET for).
Jonathan Lethem

Junot Díaz resulta un autor moi interesante nesta colección, xa que é quen de reflectir a experiencia dominicana nos EE.UU a través das súas historias. Acadou o premio Pulitzer no 2008 coa súa obra “La breve y maravillosa vida de Óscar Wao” (N DIA mar) repleta da xerga anglohispánica e dun sarcasmo non exento de crítica.

E finalmente por hoxe, resaltamos a Dave Eggers. Unha sorte de aglutinante moral neste grupo, que a finais dos anos 90 crea a revista McSweeney’s, de ambicións contraculturais. A publicación tiña como intención primeira, publicar textos que outras revistas rexeitaban. Así moitos dos narradores nomeados aquí, atoparon cabida nas súas páxinas.
Dave Eggers

Os seus libros máis orixinais son os que se basan en feitos reais, como sería Zeitoun (N EGG zei), que retrata as desventuras dun inmigrante sirio de Nova Orleans que, nunha canoa, sae rescatar veciños que se atopan á deriva tralo desastre do Katrina, e termina no cárcere.

Espero que vos pique a curiosidade e tomedes en préstamo algún destes títulos. Lembrade que oss comentarios do blog están abertos!


No hay comentarios: