miércoles, 22 de enero de 2014

As crónicas do Club de Lectura (VII)

Como xa contamos na edición anterior das crónicas, no Club estamos ca lectura de “El castillo de cristal” de Jeannette Walls, unha novela de corte autobiográfico que narra a infancia da protagonista cunha visión retrospectiva.

O libro está cautivándonos a todos. Ben sexa porque chama poderosamente a atención o tipo de familia do que procede esta muller, ben porque non deixa de ser unha historia de autosuperación.

A obra, dividida en cinco partes, conta básicamente, a infancia de Jeannette Walls e os seus irmáns, no seo dunha familia atípica. Cuns pais que son incapaces de asumir as responsabilidades mínimas con respecto a súa descendencia, os fillos vense atrapados nun estilo de vida que lles obriga a afrontar papeis que aínda non lles corresponden.

Trátase dunha historia dura, pero que está contada desde os ollos xa maduros da xornalista e na que se emplea un ton benévolo que fai menos recia a lectura. De feito, é unha novela que debuxa moi ben aos personaxes e crea un clima moi satisfactorio de cára a atrapar ao lector. Walls fai que queramos saber máis.

Xa adiantamos no post da semana pasada que en Marzo estréase a versión cinematográfica desta novela, con Jennifer Lawrence no papel da protagonista. E cando un ten lido a novela, sempre espera que a película acade as expectativas, que sexa quen de poñer en imaxes todo aquello que imaginamos dun xeito determinado.

Para os lectores de pro, poucas adaptacións ao cine conseguen o obxectivo de igualar, sequera, as páxinas impresas; tal vez esta poida ser unha ocasión. Pero deberemos agardar...


No hay comentarios: