miércoles, 4 de diciembre de 2013

As crónicas do Club de Lectura (III)


Tal e como vos contaba a semana pasada, no club de lectura da Biblioteca estamos a ler "La extraordinaria vida de William Petty", unha obra de Alexandra Lapierre. Novela cuxa lectura se dividiu en tres sesións debido á extensión desta.

Na segunda sesión, afondamos un pouco máis nas percepcións de cada un dos lectores. A xeito de idea xeral, afirmouse que a autora realiza un labor de investigación moi exhaustiva, da cal se decata ao final do libro cun extenso compendio de notas e documentos gráficos. Trátase, segundo sinala a propia Lapierre, de non só completar a lectura, senón de lectura en si mesma.


O protagonista do noso libro, é un deses personaxes que son practicamente descoñecidos e aos que gusta de acudir a autora para novelalos e darlles unha nova vida.

"El castigo de Marsias"

de Tiziano,
unha das compras de Petty

William Petty veu ao mundo en 1587 no seo dunha familia humilde da zona fronteiriza entre Escocia e Inglaterra. Dende mozo mostra grande interese pola antigüidade e os estudos, o que lle permite ingresar na Universidade de Cambrige. E pronto, as súas ansias de coñecemento fan que entre a servir para a poderosa familia Arundel, dándose a circunstancia de que o conde era un dos maiores coleccionistas de arte de Inglaterra. Así é como o conde adestra a Petty para que desenvolva o seu gusto artístico e se dedique a "cazar" para el todo tipo de esculturas, pinturas…

En fin, un filón para crear unha novela de aventuras, como dixemos na crónica anterior. Unha novela que xuntase unha fantástica época histórica, cun personaxe amante da arte e unha trama entretecida de maneira que o lector non puidese despegarse das páxinas.

Non obstante, do mesmo xeito que concluímos que a parte de documentación é estupenda, a maior parte dos membros do club afirmaron non se enganchar coa historia. Ás veces, acontece que non se mesturan ben todos os ingredientes e o biscoito remata por ser calquera cousa menos un biscoito.


No hay comentarios: