lunes, 26 de agosto de 2013

Victus : Barcelona 1714, de Albert Sánchez Piñol

«Contareino todo! Como foderon ao xeneral Villarroel, como derrotaron as nosas vitorias. Porque, ata agora, daquela guerra só oín as versións que veñen de arriba ou do inimigo.»

VICTUS é unha novela histórica que nos narra a guerra de Sucesión española, un conflito que pode considerarse como a primeira das contendas mundiais e que remata o 11 de setembro de 1714 co apocalíptico asalto a Barcelona. Tamén é a traxedia de Martí Zuviría, un mozo barcelonés, alumno avantaxado do marqués de Vauban, que se converte nun xenio da enxeñaría militar.

VICTUS é un dispendio de información e rigor histórico ao servizo dun relato áxil, potente e desenfadado, cunha dicción rabiosamente contemporánea que nos leva de Francia a Barcelona pasando por Madrid, Toledo, Tortosa ou as batallas de Brihuega e Almansa. E é tamén unha obra sobre a Barcelona irredutible de 1714, que sufriu un asedio desigual de trece meses e o bombardeo de máis de trinta mil proxectís.

VICTUS cuestiona as versións oficiais de ambos os dous bandos e cede a palabra aos auténticos protagonistas da historia, dende a figura inmensa de Villarroel, o xeneral que defendeu a capital catalá con bágoas nos ollos, ata os civís e soldados anónimos de todas as nacións que loitaron a un lado e outro das murallas.

Pero ante todo, VICTUS é un festín literario de primeira orde que se devora do modo en que sempre se devoraron as grandes obras, como o demostra o que antes da súa aparición xa se vendesen os dereitos ao ruso, o alemán, o holandés e o francés.

Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N SAN vic histórica




No hay comentarios: