viernes, 30 de noviembre de 2012

Conclusións do Café Filosófico

Que é iso que chamamos felicidade? É un obxectivo, algo ao que chegar? É o propio camiño? Ou tal vez, o punto de partida?

Pódese chegar á felicidade? É efémera ou permanente? Que ou quen nos fai felices? É a felicidade igual para todos? Poderiamos facer unha lista de requisitos para alcanzala? Son feliz?

Estas cuestións e moitas outras formuláronse no segundo Café Filosófico celebrado na biblioteca o pasado mércores 21 de novembro.

Abriuse o diálogo cunha definición - achegada por un dos participantes - tomada do "Dicionario de uso del español" de María Moliner segundo a cal a felicidade sería a "situación do ser para quen as circunstancias da súa vida son tales como as desexa".

Isto levounos a distinguir entre "necesidade" e "desexo" e houbo quen apuntou que os desexos nos encadeaban e, en realidade, producían infelicidade. E que moitas persoas confundían ambos os dous conceptos: necesidades e desexos. Non parecía un bo comezo para tratar de ser feliz.

Falouse, por suposto, de se o diñeiro dá ou non a felicidade. Temos unha idea de riqueza vinculada case exclusivamente co diñeiro. Algúns contestaron: "non, pero axuda... ". Outros, mostráronse en completo desacordo. E comentouse que hai estudos realizados nos que se demostra que por enriba dun determinado nivel de benestar, o feito de aumentar as ganancias non fai aumentar a "cota" de felicidade. Un ben coñecido filósofo español, Fernando Savater, sostén que "se a felicidade fose ter vinte millóns no banco, xa se sabería a estas alturas da vida e da sociedade".

Distinguiuse, así mesmo, entre a concepción filosófica occidental sobre a felicidade na que se entende como un estado de ánimo ligado á autorrealización, a autosuficiencia e o pracer, entre outras cousas, e a concepción filosófica oriental, na que se percibe como unha calidade unida á harmonía interna, que está dentro de nós e, a nivel emocional, se asocia coa alegría.

Non é o mesmo ser feliz que estar contento nin é igual ser infeliz que estar triste. Isto é o resultado de emocións primarias mentres que a felicidade parece ser que está suxeita á reflexión. Ten máis que ver coa ilusión e a loita do camiño que nos trazamos nun proxecto de vida que coa consecución de obxectivos ou metas. O mesmo co punto de partida para unha vida boa, coa actitude.

Outra das cuestións debatidas foi a seguinte: seriamos máis felices se tivésemos menos medos? Chegouse á conclusión de que a ausencia de medos conducía a unha maior liberdade e esta aparece moi vinculada á felicidade.

Ao chegar a este punto, o dos medos, mencionouse a morte. Y, - quen sabe? - quizais por iso, dos distintos temas propostos para a seguinte sesión e votados a man alzada foi este, a morte, o que obtivo a maioría. É posible que ao dialogar sobre a morte poidamos abrir novas perspectivas con respecto ao concepto de felicidade? Teremos que propoñer unha nova sesión sobre a felicidade a medida que avancemos en distintos temas? Podería ser...

A biblioteca agradece a asistencia a todos os participantes e pide desculpas por un café filosófico sen... café! pero con moitas ganas de dialogar, compartir, comprender e crecer como persoas.

Emprazámosvos para o próximo 19 de decembro ás 18:00 h. Vémonos!


30 de Novembro, Día das Librarías


Porque somos compañeiros no mundo do libro, hoxe queremos convidarvos a que vos acerquedes a calquera pequena libraría da vosa cidade e celebredes este día mercando un libro. Unha boa maneira de contribuir có pequeno comercio e fomentar a cultura.

Feliz día a todos!



jueves, 29 de noviembre de 2012

Mañá na Biblioteca...


Temos sesión de animación á lectura con Fátima Fernández  e "O león solitario"

Érase un león que aburrido de ver sempre o mesmo decidíu ir á gran cidade....

Unha actividade para nen@s de 5 a 12 anos

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (30 prazas)

Mañá, venres 30, ás 18:00 h. na Sala de Actividades (Sala infantil)



miércoles, 28 de noviembre de 2012

Bibliovol: Voluntariado nas Bibliotecas Nodais

Outra nova iniciativa chéganos á Biblioteca, esta vez da man da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e daa Secretaría Xeral de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Bibliotecas: Bibliovol.

Segundo explican na súa web, esta iniciativa nace có obxectivo de responder a unha demanda social e incorporar voluntarios/as á rede de bibliotecas nodais de Galicia, para que ditas bibliotecas poidan desenrolar con máis eficacia a súa función de formar, informar e dar acceso á cultura e ao lecer dos cidadáns en igualdade de oportunidades.

Os voluntarios realizarán fundamentalmente as seguintes tarefas:


Apoio á difusión e promoción das bibliotecas públicas

Apoio na formación en competencias informacionais 

Apoio na posta en práctica de proxectos e animación lectora e sociocultural

Apoio na realización de actividades culturais ou artísticas 

Apoio ao aprendizaxe doutras linguas

Outras



Ademaís, os perfís dos voluntarios deberán cumprir certas características:

•Persoas con ideas de animación sociocultural e de promoción da lectura, preferiblemente con experiencia no trato con adultos e/ou con nenos e nenas.

•Persoas con coñecementos de informática que saiban transmitilos a adultos para contribuír a salvar a brecha dixital dos sectores da poboación menos favorecidos.

•Persoas que teñan algún dominio dun arte, dun oficio, dunha profesión, dunha experiencia vital interesante ou dunha afección que queiran compartila e transmitila.

Os interesados, podedes participar enchendo este formulario da páxina web do Voluntariado Galego, e escoller o centro có que vos interesa colaborar:

Biblioteca Nodal de A Coruña Miguel González Garcé

Biblioteca Nodal de Lugo

Biblioteca Nodal de Ourense

Biblioteca Nodal de Pontevedra

Biblioteca Nodal de Vigo

Biblioteca Pública de Santiago Anxel Casal




martes, 27 de noviembre de 2012

Cuando todo cambió, de Donna Milner

Cando Natalie Ward recibe a noticia da enfermidade terminal da súa nai Nettie, non dubida en regresar ao seu pobo natal, na pequena localidade canadense de Atwood, tras máis de trinta anos de ausencia. Na longa viaxe de autobús que emprende dende Vancouver, rememora a súa idílica infancia e os acontecementos que en 1968 lle cambiaron a vida, e a da súa familia.

Entón ela vivía na granxa familiar cos seus pais e os seus catro irmáns varóns. Pero un caloroso día de xullo, ao entrar o mozo River por primeira vez no seu xardín, comprendeu que todo cambiaría. River, que representaba un mundo libre de conservadorismos oposto ao que vivira ata entón, entrou a traballar na granxa e gañou en pouco tempo o cariño da familia e especialmente a admiración de Natalie. Pero, a partir dese momento, tamén se empezou a cambalear a súa estable vida familiar

Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N MIL cua novidades vida cotiá


Centro de interese "Boas noites, Lúa"


Este que vedes na foto é Comenoches, e quere convidar a todos os nenos a desfrutar do noso novo centro de interese da sala infantil "Boas noites, Lúa". Comenoches é un auténtico experto neste tema, xa que él é o encargado de mordisquear pedaciños de noite para deixar paso ao seu amigo o Sol. Non llo digades a ninguén, pero chivounos todos estes títulos..



















lunes, 26 de noviembre de 2012

A imaxe do día

(vía Pinterest)


Certame de Poesía "Nadal 2012"


Xa está aquí o Certame de Poesía "Nadal 2012"

Nel poden participar tódos os nenos e rapaces socios da Biblioteca, con poemas do tema xenérico "O Nadal". Cada neno poderá presentar cantos traballos desexe, cada un deles acompañado dunha solicitude de inscrición (descargar aquí), e os poemas deberán estar escritos en galego e cunha extensión máxima dun folio por unha sola cara.

Haberá 3 categorías:

A -- nenos ata 8 anos

B -- nenos de 9 a 11 anos

C --- rapaces de 12 a 16 anos

O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 24 de decembro, debendo estar entregados na Biblioteca nesa data.

Un xurado escollerá os traballos premiados, cun máximo de tres por categoría, e os gañadores recibirán cadanseu diploma e lote de libros. O fallo do xurado faráse público na primeira quincena de xaneiro de 2013.


Os traballos premiados nesta Fase Local participarán na Fase Provincial do Certame, convocada pola Biblioteca, co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.


viernes, 23 de noviembre de 2012

La bibliotecaria de Auschwitz, de Antonio G. Iturbe

Sobre o lama negro de Auschwitz que todo o engole, Fredy Hirsch levantou en segredo unha escola. Nun lugar onde os libros están prohibidos, a moza Dita esconde baixo o seu vestido os fráxiles volumes da biblioteca pública máis pequena, recóndita e clandestina que existise nunca.

No medio do horror, Dita dános unha marabillosa lección de coraxe: non se rende e nunca perde as ganas de vivir nin de ler porque, mesmo nese terrible campo de exterminio, «abrir un libro é como subir a un tren que che leva de vacacións».

Unha emocionante novela baseada en feitos reais que rescata do esquecemento unha das máis conmovedoras historias de heroísmo cultural.

Podes atopalo na biblioteca có rótulo: N ITU bib novidades histórica




Exposición "Viviendas pasivas"


Dende o día 22 ata o 28 de Novembro podédes visitar na Biblioteca a exposición
"Viviendas pasivas", organizada pola plataforma da Edificación Passivhaus. 


Na exposición están presentes os proxectos seleccionados no Iº Concurso Iberoamericano Passivhaus, acompañados ademáis de paneis sobre bioconstrucción.




jueves, 22 de noviembre de 2012

Servizo de autopréstamo

Dende hai algún tempo a biblioteca conta con varias máquinas de autopréstamo para o préstamo e devolución de materiais. Para todos aqueles que aínda non esteades familiarizados co seu uso, aquí deixámosvos un vídeo explicativo. Esperamos que resolva todas as vosas dúbidas!



Mañá na Biblioteca...


Obradoiro para nen@s a partires de 9 anos, no que aprenderán os pasos básicos e conceptos principais do estilo do cómic xaponés "manga". Coñecerán como se deseña unha persoaxe, como é a elaboración dun bosquexo, un guión e unha páxina de banda deseñada. empregando distintos materiais e técnicas orixinais usadas polos profesionais xaponeses.

Xa podes inscribirte no mostrador da Sala Infantil (10 prazas)

Mañá, venres 23, ás 18:00 h. na Sala Multiusos



miércoles, 21 de noviembre de 2012

Novidades no fondo de adultos: Non-Ficción

Hoxe traemos novidades de non-ficción, para coñecer mellor a cultura chinesa, os segredos das catedrais, o que nos pasa por dentro ou a obra dun grande coma Goya. Por suposto, hai moitas máis propostas no noso boletín e nos andeis de novidades... Premede nas imaxes para ver os rexistros do noso catálogo.

















Se queredes saber que máis podedes atopar na sección de novidades, 
premer aquí


martes, 20 de noviembre de 2012

Nova reunión do Café Filosófico


Mañá terá lugar a segunda reunión do Café Filósofico, onde o tema a tratar será todo un clásico: a felicidade

Xa sabedes que as únicas normas son o respecto e a tolerancia: respecto ás quendas de palabra de cada asistente e a súa persoa e tolerancia respecto das opinions de cada un.

A reunión terá lugar na Sala multiusos, ás 18:00 h., e durará entre dúas e tres horas.

Animádevos e vide a filosofar!


Novidades no fondo de adultos: Ficción

Unha nova remesa de libros chegou á biblioteca. Aquí tedes algúns deles: historias para non durmir, historias cheas de amor, historias de asasinos sen piedade, historias para facer rir... Un pouco de todo... Escollede ben!! Premede nas imaxes para ver os rexistros do noso catálogo...

















Se queredes saber que máis podedes atopar na sección de novidades, 
premer aquí